Day of the Tentacle
Había tres cousas que sabía do Day of the Tentacle antes de xogar por vez primeira o ano pasado: que aparecía algún expresidente dos Estados Unidos, que había que viaxar no tempo e que había unha escena na que un tentáculo xigante bloqueaba o paso e había que buscar outro camiño pola casa adiante. A primeira cousa non a tiña moi segura e a última resultou non ser verdadeira, inda que xuraría ter visto esa parte cando xogou un compañeiro de clase no seu ordenador. Misterios da memoria. E con esa bagaxe tan lixeira, xa que ademais o xénero das aventuras gráficas téñoo bastante descoidado, enleei a outra persoa para que xogase comigo prometéndolle que era o máximo expoñente do seu estilo e que, se nos gustaba a experiencia, teríamos varias outras para xogar a continuación. Contra todo prognóstico, a oferta foi aceptada e esa mesma tarde xa estabamos de visita virtual pola mansión maniática, na súa versión remasterizada.
As primeiras sesións foron todo un éxito. Avezámonos ben cedo no arte de apañar todo e canto estivese preto das mans dos protagonistas e rosmamos coa imposibilidade de despegar unha moeda pegada no chan cunha goma de mascar: non pode ser tan difícil, non? Algúns días máis tarde conseguimos esa moeda grazas a un instrumento esaxeradamente sólido e, durante os sucesivos, comezamos a chegar a unha chaira de progreso. Pasaron logo varias reunións sen avance, co progreso atascado ó 49% e o contador de horas aproximándose a 7, cando decidimos tomar un descanso. De cando en vez algún tiña unha idea de por onde poderían ir os tiros e arrancabamos de novo o xogo, pero por máis que tentabamos poñer o garfo no papaventos, iso non parecía funcionar. Ó final fomos deixándoo até que, un certo día, esquecinme gardar a partida antes dun posible formateo do ordenador. Perdemos todo o avanzado e as gañas de volver. Unha mágoa!
Cumpríase un ano de tal fatal evento cando lembrei que tiña acceso a ese xogo. Desta vez sen axuda, comecei de novo dende o comezo e, en algo menos de dúas horas, xa estaba nun punto equivalente de avance. Sempre pensei que as aventuras gráficas non eran bos xogos para ser rexogados, pero a verdade é que foron dúas horas moi fluídas, divertidas e na que tiven que empregar a memoria xunto coa lóxica. Unha memoria que, todo hai que dicilo, mesturaba acotío as solucións correctas que aplicáramos no pasado con imaxinacións doutras solucións que non funcionaban. De tal forma que, por moi seguro que estivese de que a razón pola que fuxían os presos tiña que ver cunha oportunidade de comezar unha vida nova, o verdadeiro desenlace sorprendeume tanto coma a primeira vez, xa que non contaba con darlles tal susto coa alerta da mansión.
E precisamente para chegar até tal sobresalto tiven que facer algo de trampas. Só me quedaban dúas frontes abertas: o gato que xoga cun rato de xoguete e o vendedor de falsos puros. Confundindo outra vez as memorias reais coas miñas imaxinacións, pensaba que a resposta pasaba por abraiar o bromista para que nos soltase un coxín de peidos que sae no escenario. Con ese coxín podería poñelo na cama máis afastada do gato e facer ruído para que soltase o rato durante tempo abondo. A idea era boa, pero non tiña nin idea de como comezar esa cadea de acontecementos. Farto de navegar tanto pola mansión nas tres liñas temporais e pensando que existía algún obxecto que non localizaba, decidín non abandonar de novo e buscar algo de axuda externa a través de UHS Hints. O do gato xa o fixeramos na anterior partida, pero non se me ocorrera nesta. Para o dos cigarros non me deu a cabeza en ningún momento. Unha vez que pasei ambas cousas, non tiven problemas en avanzar a todo correr pechando fíos aquí e acolá até chegar o fin do xogo, xa que o resto era ben doado.
E así foi! Unha experiencia ben pracenteira agás polas dúas interrupcións do progreso. Teño a espiña cravada de non ser quen de pasalo sen axuda, pero polo menos non foi coma esa viaxe polo primeiro Monkey Island hai máis de dez anos, onde nos últimos capítulos xa me rendín totalmente e seguín unha guía case na súa totalidade. Agora teño por aí outras dúas remasterizacións de aventuras de Tim Schafer (que xa pasou por este diario no Brütal Legend) ás que xogaría de boa gana pero non me chaman tanto. Teño algo de medo de que non estean á altura desta aventura de tentáculos. Uns tentáculos que, por certo, foron a única decepción. Non lles atopei moito carisma e nin tiña interese en parar a dominación mundial do púrpura. O que realmente me movía a avanzar era xuntar de novo os tres amigos no presente. A miña favorita é Laverne. A súa maneira de moverse cando non vai con disfrace e a frase de “Yoo-hoo! Mr. Tentacle Guy!” son do mellor.
P.D.: gústame experimentar co meu propio cerebro e, porén, metín un falseamento nesta entrada. O obxectivo e que eu a lea nun futuro e cree totalmente a memoria como que tal cousa sucedeu. Se inda existe, deixarei un comentario por aquí dentro duns anos contando o resultado.