<<

Dead Island. Acto 1

Son moi mexeriqueiro para os xogos: se teñen algún compoñente de terror, pásoo mal e non o gozo. Sufro especialmente coas vistas en primeira persoa, e nin sequera é preciso que os sustos estean planeados: xirar a cámara e atopar un inimigo correndo cara min é suficiente para que comece a suar e poñerme nervioso. Con estes antecedentes semella que un xogo de zombis, especialmente un onde non se poden ver as costas dos protagonistas, non sería para min; e coido que este Dead Island non o é, mais non (só) polo tema do medo.

Xa xogara unha noite en modo cooperativo hai moitos anos. Desa experiencia lembraba que o prólogo era tenso, escuro e oprimente, mais era pouco representativo do resto do xogo, que se centra máis no compoñente de acción. Por facer un resumo direi que é unha mestura do Left 4 Dead e o Borderlands: do primeiro ten os zombis cos seus diferentes tipos, do segundo toma todo o resto. Non obstante, carece do compoñente de disparos de ambos, preferindo promocionar claramente o combate corpo a corpo, polo menos neste primeiro acto no que só atopei unha pistola.

Decidín xogar co negro Sam porque lin nun fío de Reddit que era unha das dúas únicas opcións lóxicas, e non quería volver a conducir a Xiam: unha chinesa da policía de Hong Kong non parece a mellor opción para os tempos que corren. O resto especialízase en armas a distancia que non entran en xogo até máis adiante. Cada un dos personaxes elixíbeis ten unha relativamente longa historia persoal sobre como remataron na illa, pero non parece ter impacto ningún máis aló da caracterización. Todos comezan no mesmo punto da illa logo de sobrevivir ao apocalipse Z por ser inmunes á enfermidade. Aproveitaremos para axudar ao resto de superviventes nunha morea de misións, tanto principais para a trama coma secundarias. Ao igual ca no Borderlands, pasaremos moito tempo correndo dun lar para outro para completalas e gañar uns cartiños.

Dalgunha maneira os billetes seguen a ser precisos nesta illa postapocalíptica. Non sé serven para comerciar con outros humanos, senón que tamén son un material para mellorar ou reparar as múltiples armas que empregaremos. Todo isto mentres só fican pouco máis que ruínas da antiga colonia-resort capitalista onde transcorre este primeiro acto. Un lugar onde as construcións artificiais son escuras, frías e perigosas, namentres os arrabaldes naturais manteñen a súa beleza baixo os constantes raios do sol. Tamén son perigosos polo gran número de inimigos, pero temos máis marxe para esquivalos.

Quedáronme moitas cousas por comentar. Normalmente seguiría en sucesivos artigos a medida que avanzase no xogo, pero non teño moitas ganas de continuar. Xa o Borderlands resultárame excesivamente longo, repetitivo e aburrido, e considero que esta versión con zombis é bastante inferior. Deixo a partida gardada por se algún día volvo, pero non está nos meus plans próximos o continuar avanzando pola cidade á que acabo de chegar.

  • Tempo de xogo: 4.5 horas.
  • Misións completadas: 32.
  • Zonas exploradas: 26%.
  • Distancia percorrida: 24km.
  • Zombis asasinados: 496.
  • “Mortes” propias: 9.