Die in the Dungeon
Non teño costume de entrar a explorar por itch.io pero, cada vez que pasaba pola páxina principal desa web, aparecía este Die in the Dungeon. Véndese coma un construtor de bolsa de dados no que hai que superar vinte loitas por quendas. A vida da ra protagonista mantense dunha até a seguinte, pero tras cada unha tamén poderá obter unha vantaxe. Estas inclúen as típicas de escoller e engadir un dado novo á bolsa, mellorar outro xa presente ou quitar até tres dados da nosa colección. En cada quenda das loitas colleremos tantos dados rolados coma os empregados na rolda anterior para manter o total de cinco, e logo escolleremos até tres para poñer no taboleiro e aplicar os seus efectos. Estes outorgan ataque, defensa, curación ou potenciar aos outros, basicamente.
Na miña primeira partida reducín a miña bolsa a cinco dados e melloreinos tanto coma puiden, centrándome nos de ataque. Serviume para chegar até o andar duodécimo, onde ficou obvio que a defensa era moito máis importante do que eu cría. Na segunda volta prioricei mellorar a defensa cunha estratexia similar, mais a sorpresa chegou cando escollín a opción de engadir un dado e apareceron algúns con modificadores positivos! Na anterior partida probara esa mesma opción e simplemente aparecían copias dos dados iniciais, o que non tiña ningunha vantaxe estratéxica real, pero nesta descubrín os dados “pesados”, que permanecen no taboleiro logo de ser xogados, inda que reducindo o seu poder nas sucesivas quendas. Agora todo encaixaba, porque non entendía nin o compoñente posicional do taboleiro nin como sobrevivir aos inimigos máis poderosos.
O descubrimento chegou tarde para salvar ese ascenso, inda que apañei para quedar a catro vitorias do obxectivo. Na terceira tiven algún susto, pero conseguín chegar até a xefa final e dar boa conta dela en tres quendas con moito ataque. Por aquel entón non existía unha pantalla de fin con xeito, pero é algo comprensíbel por tratarse dun videoxogo feito nunha única semana, inda que eu xoguei, e documentei aquí, unha versión 1.1 posterior cuns pequenos trocos que manteñen a visión do traballo orixinal. O desenvolvedor ten na mente continuar co deseño, engadindo máis dados, inimigos e niveis [a versión 1.2 non semella ter cambios significativos]. Na miña opinión, as mecánicas base aturarán moi ben calquera tipo deses u outros trocos, pero se cadra a dependencia dos dados pesados lastran un pouco as posibilidades e habería que compensalo con dados normais fortes ou vantaxes nas primeiras quendas.