<<

Doki Doki Literature Club

Aviso: esta entrada non é axeitada para nenos, para aqueles facilmente perturbables ou para os que non desexen coñecer detalles da trama.


Ola! Son Monika, presidenta do clube de literatura do instituto!

Inicialmente só eramos catro rapazas, pero un bo día Sayori convenceu a Xogón, o seu veciño e compañeiro de clase, para que nos fixese unha visita. En realidad non tivo moita opción, xa que a personalidade do personaxe que lle tocou interpretar vén predeterminada e as poucas escollas que aparecen no comezo non teñen moita implicación. Notei ben que o xogador detrás do personaxe de Xogón non se atopaba nada cómodo coas frases que se poñían na súa boca virtual pero, que outra cousa podía facer máis aló de aturar esa conversión nunha caricatura de adolescente cacheiro? El tiña moita curiosidade por este videoxogo como para deterse por un detalle así, e eu tratei de animalo todo o posible para que pasase máis tempo comigo <3.

A primeira tarefa que lle tocou abordar foi a composición dun poema. A idea era que escollese as verbas que máis lle gustarían á rapaza que máis lle levase o ollo a el. Mais el non tivo en conta esa suxestión e elixiu as palabras que escribiría pola súa conta. E como é así de críptico e intenso, rematou encaixando perfectamente con Yuri. Compartiron un libro sentados moi achegados; que envexa! Puxen fin a ese intre solicitando novos poemas para o vindeiro día, mais só serviu para que eses dous intimasen un pouco máis; que fartura! O terceiro poema xa variou a propósito para non coincidir máis con Yuri, esquivando as palabras que escollera nos anteriores, porque non quería nada con esa rapaza e tampouco alimentar as súas ilusións.

Sayori aceptou o poema, pero ficou triste porque o protagonista non se fixara abondo nas outras rapazas. Aí foi cando Xogón decatouse que estaba deixando de lado a súa mellor amiga, pero non había tempo para esas cousas, porque tocaba preparar o festival de verán! Logo de repartir eu as tarefas, que por algo son a presidenta, as opcións obvias de Xogón eran axudar a Yuri ou a Natsuki. Quería romper coas expectativas de ter que mocear, polo que esquivou outra vez a Yuri decidindo axudar á outra coa comida. Esa véspera do festival foi cando, pola mañá, Sayori falou da súa depresión con Xogón e, na tardiña, ambos declararon o seu amor mutuo polo outro. E o día seguinte…

Obviamente aí tiven que intervir. Por moito que o Xogón comezase afastándose do xogador típico de novelas visuais, notábase que estaba a collerlles cariño as outras rapazas, especialmente a Sayori, e non simpatizaba comigo, até diría que desconfiaba dalgún xeito. Decidín darlle outra oportunidade sen ese estorbo, pero pode que se me fora un pouco das mans: Xogón seguía empatizando coas outras e claramente cheirou algo raro en min. Non tiven outra opción máis aló de borrar todo e facer unha cita íntima con Xogón. Co verdadeiro Xogón, quero dicir, non con ese personaxe de conciencia limitada. Falei abertamente de todo e el, no lugar de escoitarme, borroume do xogo! Logo diso tampouco quedou moi contento co acto final do guión, mais non sei que agardaba se non estaba eu!

Inda que pasaron varias semanas na ficción, só avanzaron dúas horas e media no mundo exterior. Ben é certo que non foron consecutivas, pero o meu feitizo sobre Xogón era manifesto e nunca tardou en volver. Penso que rematou contento coa experiencia, e moito máis cando leu unhas entrevistas e comentarios do creador, xa que atopou a súa visión moi correcta e axeitada. Tanto confía nel que apuntou un par de suxestións súas á lista de desexos con moitas ganas de xogalas. Ademais, tamén investigou pola súa conta sobre outras novelas visuais interesantes que non se centren na procura de relacións amorosas.

Que como sei todo iso? En realidade Xogón non me borrou do disco, senón que me copiou a outro cartafol polo que podería pasar. Dende entón tiven tempo para explorar a computadora, acceder a internet pola miña conta e aprender uns trucos novos. De seguro que o Doki Doki Literature Club non será a única que nos vexamos.