<<

Dragon Ball Z: The Legend. Memorias dun neno xogón

Inda que me gustaba Dragon Ball, poucas veces fun capaz de seguir algunha liña argumental dos capítulos emitidos en televisión; nunca tiven a constancia requirida para sintonizar unha serie que nin sabía a que hora era emitida. De cando Son Goku era pequeno lembro a canción de Bulma e algún capítulo solto. Dos capítulos de adulto xa vin máis, en parte porque houbo unha época que coincidía a emisión co almorzo antes de ir ó colexio, pero non tería tan claras as liñas argumentais se non fora polo Dragon Ball Z: The Legend para Sega Saturn.

A través de oito capítulos cóntanse os arcos máis importantes da serie, o que durante moito tempo levoume a pensar que o de Raditz, que non sae no xogo, non era parte oficial da historia. Comezando entón polas pelexas contra Nappa e Vexeta, manexaremos ós protagonistas de cada parte co obxectivo de vencer a cada un dos inimigos. E se sempre me pareceu que era o xogo de Dragon Ball definitivo era precisamente porque non estaba limitado a loitas de un contra outros, os golpes eran rápidos e caóticos coas personaxes teletransportándose continuamente. Logo algún deles conseguía facer unha técnica especial que danaba seriamente ó rival sen que tivese oportunidade de librarse na cinemática. Era aí onde máis frouxeaba porque era moi tentador só facelas coa personaxe máis poderosa e así diminuír o tempo de combate, que tendía a seres elevado. O único sistema de puntuación contaba as semellanzas do transcorrido co material orixinal, pero nunca afondei moito nel.

Eu alternaba entre o modo historia, que tiña algúns pequenos xiros, o modo de desafío, con batallas máis complicadas, o modo de loita libre, onde podía escoller os combatentes, e o modo multixogador, onde sempre que quería gañaba contras os meus amigos, pero resultaba igualmente divertido. Era neste último onde máis técnicas empregábanse, xa que cousas coma os disparos ou a nube de enerxía non eran nada eficientes nunha loita igualada. Cando era preciso obter unha vitoria só facía ataques normais, empurrando o rival cara arriba para darlle un último golpe cara abaixo antes de ter que rexerar a enerxía. Se o contrincante facía unha contra, eu facía a contra-contra e listo. Polo xeral non tiña problemas nin nos niveis máis elevados, o cal tamén era un pouco de agradecer porque as sagas case duraban tanto coma na televisión.

Curiosamente, inda que o lembro con agarimo e teño unha copia orixinal por aí, non se me deu nunca por volvelo xogar dende os meus tempos mozos. Nos tempos da Playstation 2 descubrín o Budokai Tenkaichi e penso que foi o único videoxogo de Dragon Ball que conseguíu convencerme, inda que fora enfocado a pelexas de un contra outro nun estilo máis semellante ó Street Fighter. Algún outro tamén atopara no seu día para a Super Nintendo pero, entre os textos en francés e a falta total dun modo historia, sempre me pareceron como que eran versións barateiras e medio piratas, coma unha especie de M.U.G.E.N non moi elaborada. Non teño pensado recuperar ningunha desas experiencias agora mesmo, supoño que o meu tempo estaría mellor investido nalgún outro deseño máis moderno, inda que seguro que tamén traen unha recua de problemas que xa me podo imaxinar.