<<
  
    
     
  
      
    Eu ben vin estar ó moucho
Este é un pequeno xogo válido a partires dos 3 anos para calquera número de participantes. A versión básica, orientada á aula, é tal que así:
- A coordinadora deixa claro quen ten medo ou non. Por exemplo: os que leven unha prenda vermella (non) teñen medo.
 - Todos cantan “Eu ben vin estar ó moucho / enriba d’ aquel penedo”.
 - Os que non teñan medo segundo a primeira condición fan un xesto de negación mentres cantan “¡Non che teño medo moucho, moucho non che teño medo!”
 - A coordinadora avisa ós participantes que cantaron cando non deberían ou non cantaron cando deberían.
 
Algunhas variantes poden pasar por:
- Trocar a persoa coordinadora tras cada rolda.
 - Eliminar do xogo os participantes que se trabuquen.
 - Asegurarse de que todos saben se van ter medo ou non antes de cantar.
 
E velaquí unhas poucas opcións de exemplo para o paso de decidir quen ten ou non ten medo:
- Os que teñan exactamente/máis/menos (de) X anos.
 - Os que sexan zurdos.
 - Os que non tiveron medo na rolda anterior.
 - Os que teñan un nome que conteña/comece/remate (por) X.
 - Os que teñan irmá(n)s.
 - Os que teñan ollos firmes e verdadeiros.
 - Os que pensen que 5 + 4 son 9.
 - Os que tomaron froita hoxe.
 - A conxunción/disxunción/negación doutras opcións anteriores (“os que sexan zurdos e/ou teñan irmás”).