Final Fantasy Adventure

Un colega das recreativas trocoume durante un tempo algún dos meus xogos polo seu Secret of Mana da Super Nintendo, que supoño que lle gustaba bastante porque tiña unha partida gardada con todos os personaxes ao nivel 99 con todas as maxias tamén maximizadas. Lembro como me contou que o xogo comeza co protagonista caendo por unha cascada sen que podamos facer nada para evitalo. A súa precuela, este Final Fantasy Adventure, comeza da mesma maneira e hai moitos outros elementos que tamén aparecen aquí por primeira vez na saga. Mais non é o caso do nome. Eu optei por empregar a versión dos Estados Unidos de América por ser a máis mencionada nas redes, inda que non queira colaborar co neocolonialismo, e tamén porque o nome que recibiu en Europa, Mystic Quest pode confundirse co do outro Final Fantasy Mystic Quest… vaia lío!

Pero por moito que referencia á estendida saga de Square con algúns detalles soltos, o Final Fantasy Adventure é un Seiken Densetsu en toda regra. Para os que xogamos á segunda entrega primeiro, e agás a sempre interesante parte de podernos mover en diagonal, non botaremos moito de menos da xogabilidade da secuela por moi simplificada que apareza: diversas armas, maxias, inimigos e compañeiros. Desta vez os secundarios non poderán ser manexados directamente e terán unha esperanza de vida dunhas poucas horas, medíndoas dentro do seu propio universo. Por sorte, tanto o protagonista coma a outra rapaza que podemos nomear son bastante máis resilientes. De feito toda a aventura consiste en intentar poñer a salvo á rapaza das mans do malo malérrimo Dark Lord (seica a sutileza non é o forte dos xogos xaponeses dos 90) e o seu segundo Julius.

Até ese encontro final, onde descubriremos realmente que Julius era realmente o que se atopaba ao mando, percorreremos moitas paraxes do mundo e loitaremos contra unha morea de inimigos e xefes moi variados. Tan variados coma fóra de lugar, xa que semellan vir de ningunha parte para rematar necesariamente mortos a mans do heroe sen motivo aparente. Quizais fai trinta anos non chocaba tanto que aparecese da nada un monstro, do que non sabiamos nin o seu nome, e que teremos que destruír se queremos continuar coa narrativa. Hai unha morea deles, polo que a variedade está garantida, pero as loitas non son especialmente complicadas se aprendemos ben a esquivar os sinxelos padróns de movementos e ataques. As verdadeiras dificultades no combate atopeinas cando certos inimigos comúns convertíanme en moggle, impedíndome atacar e baixando moitísimo a miña defensa.

O xogo tamén é notorio polos atrancos en certos crebacabezas, mais eu unicamente tiven problemas no infame deserto. Alí un rapaz sabe a localización secreta do seguinte alxube pero, a cambio dunha bolsa de dentes cabeiros, só comparte a pista de “palmeiras e 8”. Eu, igual ca seguramente a meirande parte dos xogadores noveles, non conseguín dar con ese lar. Percorrín o deserto e din cun grupo de oito palmeiras moi sospeitoso, pero non achei nada interesante para facer con elas. Noutros tempos renderíame e o cartucho ficaría abandonado coa partida gardada nese punto. Mais na era da información é doado atopar a solución. Resulta que nunha determinada área hai dúas palmeiras separadas por un oco; aí hai que moverse facendo un oito en horizontal para que se abra unha porta na parede adxacente. Moi ben. Moito sentido. Moitas grazas.

Tamén tiven problemas mantendo as existencias de chaves e picarañas no meu inventario, ambos precisos para poder avanzar en moitos puntos. As picarañas seica teñen unha alternativa non caduca en forma de arma, pero eu salteime ese cofre por vencer a un determinado golem precisamente empregando os limitados picos que levaba enriba. Tampouco axudaba a presenza tan habitual de portas que poderemos abrir tamén cos picos. É certo que podemos bater antes na parede con outra arma permanente e sairá un son diferente se é abatible, mais iso anoxábame un pouco porque non me gustan os videoxogos, especialmente os portátiles, que teñen mecánicas que dependan exclusivamente do son habendo outras alternativas ou complementarias, e na miña PSP, onde o xoguei, o volume mínimo xa fai moito estrondo.