<<

Fisher-Price: Firehouse Rescue

Estívenme a preguntar que características ten que cumprir un videoxogo para ser axeitado para servir como iniciación sobre os tres anos. A miña primeira intuición é que non paga a pena en pensar en contido didáctico entrementres non haxa unha competencia básica do medio. Porén, tentei atopar deseños que non implicasen présas cuns controis moi doados. Seica nos anos oitenta, Fisher-Price sacou algúns xogos para a Nintendo orientados a nenos pequenos. Este dun coche de bombeiros semellaba o menos abstracto de todo, así que decidín darlle un tento.

Coche

Con bo criterio, existen varios niveles de dificultade. No máis baixo, non hai ningunha condición de derrota, de maneira que teremos todo o tempo do mundo para navegar polo mapa, atopar a casa que precisa salvamento e axudar ás vítimas a poñerse a salvo; curiosamente non hai lume visible en todo o xogo, así que hai que empregar a imaxinación para xustificar esas viaxes. No nivel máis elevado, teremos que atopar chaves no labirinto e achegarnos ás vivendas antes de que pase o tempo establecido. Eu perdín aí un par de veces porque non me coñecía as calzadas e porque as chaves non apareceron en boas posicións, pero non me queda claro se ese factor de chou implica que se xeren escenarios que non sexan solucionables no tempo outorgado, algo que tampouco importa moito porque podemos repetir todas as veces que desexemos. Levaríame, non sei, uns vinte minutos en rematar o xogo nese nivel máis elevado.

Rúa

Un verdadeiro neno de tres anos sen experiencia en videoxogos non tardou nada en afacerse á idea de manexar o coche de bombeiros cunha panca direccional. Dez minutos despois xa conducía mellor, inda que precisaba axuda para acertar cos ocos das estradas ou para colocarse no punto axeitado para rescatar ás persoas, algo que require unha precisión innecesaria. Cinco minutos máis tarde superou o primeiro conxunto de niveis, obtivo un ascenso como bombeiro e apagamos a consola. Gustoulle moito a experiencia, mais na práctica coido que non aporta nada. A coordinación ollo-man pode ser igualmente estimulada cun coche teledirixido na rúa dunha maneira máis libre, e non hai urxencia por incorporar máis pantallas a unha idade tan cativa. A consola volveu para o armario bastantes meses máis (dende o seu punto de vista, claro).

Rescate