<<

Furi

Tiña a idea xeral de que este Furi era un bo xogo. Non sei se o asimilei de criticismo que me puiden cruzar a década pasada, cando inda podía estar de actualidade, ou do Furi Demake, que me deu uns bos nove minutos de diversión. Fora polo que for, merqueino en base a esas sensacións, as capturas oficiais, algunhas críticas de usuarios de Steam e o baixo prezo que levaba. Semellaba ser unha experiencia curta pero intensa, desas que se poderían concentrar nunha tarde de vicio máximo desas que xa non teño. Tocoume dividir a aventura en varias noites, non só porque me levou máis de cinco horas (agardaba que foran menos), senón porque non podía manter ese nivel de tensión durante moitas pelexas consecutivas.

Diversión

Xa que, coma se de o Shadow of the Colossus se tratase, o obxectivo é derrotar a unha serie de xefes separados por uns longos paseos que, por sorte, poden ser automáticas. É principalmente no transcorrer deses paseos como coñeceremos a inicialmente misteriosa trama, que será clarificada nos compases finais. Eu estaba alerta intentando pescudar as metáforas, e a posible alegoría, da cárcere, os carcereiros e o protagonista, mais resultou que todo era bastante literal. Agradécese, de verdade.

Atrapados

Inda que, como é habitual en min, non xoguei pola historia. As mecánicas de loita funcionan moi ben, cun chan de habilidade baixo e un teito altísimo. No comezo sentíame un pouco trampulleiro por empregar tanto os disparos, pensando que o que se agardaba dun bo xogador era empregar unicamente os ataques corpo a corpo, pero cara o terceiro encontro entendín mellor o deseño e fun sempre polo camiño que me supoñía menos risco. Con todo, os fracasos eran abundantes, mais tamén é de gabar o sistema de recuperación de vidas que, como mínimo, permite que perdamos en cada fase a primeira vez e non por iso teñamos que empezar de novo dende o inicio do xefe.

The Beat

Todos os xefes teñen os seus ataques únicos, que encaixan coa súa personalidade, e certo carisma. Agora, unha semana despois da última partida, lembro máis as ideas das personaxes e, dende aí, podo forzar o recordo dos seus movementos, o cal significa que están ben fiados porque non é algo que se me dea bastante ben. A que máis lembro é a xefa de antes dos créditos, porque era especialmente doada para seren o último desafío, pero iso era precisamente o que lle daba significado. Eu parei diante dela, practicamente indefensa, sen querer dar o toque final. Non parecía preciso en absoluto, logo de xa me sentir mal tras os asasinatos previos, pero non había alternativa dentro dos obxectivos do protagonista.

Corrupción

Por sorte, no desafío opcional do final, podemos redimir parte da nosa invasión forzada. Foi unha pelexa dura, con moitos fracasos, pero satisfactoria, en parte porque tamén requiría unha estratexia para saber cando golpear ao verdadeiro inimigo e cando dar ás sentinelas para facer máis doadas as esquivas. Un final ao nivel do resto do xogo que, sen dúbida, cumpriu coas altas expectativas que tiña.