<<

Gentleman Bandit

O mundo dos xogos de rol para un único xogador é algo bastante alleo a min. Coñezo o Quill, entendo algo dos “emuladores” de directores de xogo e, de cando en vez, saco un libro deses dos oitenta que mesturan as mecánicas de parágrafos de “elixe a túa propia aventura” e características básicas dos xogos de rol. Estes últimos están etiquetados como tal na RPGG, inda que para min trátanse máis ben de xogos de taboleiro, pero é o máis preto que estou dunha experiencia de xogo de rol en solitario. Non me importaría probar algunha vez algo máis inmersivo pero a idea en xeral, especialmente aquelas beaseadas en conceptos máis abertos, dame moita preguiza. Pero resultou que na compilación de itch.io para a xustiza racial había algúns xogos de rol que non requiren falar con ninguén. Logo de filtrar os que eran moi experimentais ou os que precisaban unha columna de bloques, quedei con este Gentleman Bandit.

Ambientado no vello oeste estadounidense, interpretamos a un bandido cunha facilidade para desposuír as súas vítimas daquelas posesións terreais que máis lle interesen, principalmente a través da súa elocución. Mais cando iso non é suficiente, non lle queda outro remedio que sacar a súa Remington para lograr os seus fins. Neses casos tan poucos frecuentes, deixa un poema de trece liñas, nin máis nin menos, acompañando a escena do crime. Neste xogo teremos que escribir ese poema, liña por liña, guiados polas cartas dunha baralla que nos servirán de guía sobre o que debe de tratar cada verso. Opcionalmente tamén poderemos tirar un dado antes de comezar a composición para determinar a estrutura da mesma.

Eu saquei un catro nesa tirada, o que determinou que debía escribir seis pareados e finalizar cunha última liña que sirva coma resumo. A partida resultoume certamente interesante porque tras cada liña aprendía máis e máis sobre o bandido, xa que tiña que imaxinarme o seu pasado e os seus sentimentos. Comecei deixando as portas bastante abertas en xeral para calquera temática pero ao final as cartas e a poesía foronme levando cara uns terreos bastante claros. O poema non gañará ningún premio de nada e, de saber como ía a rematar, borraría algúns versos e modificaría algúns outros. Pero coido que iso sería trampear o resultado así que velaquí deixo as trece liñas escritas polo bandido cabaleiro:

Agora que o conseguiches, non sabes se trocarás a túa liberdade;
o teu amor e o teu corazón sempre gardaches en catividade.

Bandoleiro libre: ninguén para ti, ti para naide;
por que non puideches deixalo libre coma o aire?

De chorar o pasado estás farto,
fica a fame de tanto carto.

O vento sopra abríndote os camiños,
atrás quedan aquel garda e os campesiños.

Ceibo da xustiza mais preso do amor,
non queres máis que disolver ese clamor.

Non pensas que xa chegou a hora de confesar
e limpar a memoria daquel que te quixo excarcerar?

Xa é tarde para volver, mais non para transformarse.

Como referencia, tamén quedan aquí as cartas que saquei coas regras para compoñer cada verso:

K♦ Freedom – Will you change?
5♥ Love – What is your darkest truth?

4♦ Freedom – What is your outlook?
J♣ Fear – What do you wish you had done?

K♠ Loss – Will you change?
A♠ Loss – What drives you?

8♦ Freedom – Where are you going?
T♦ Freedom – Who wronged you?

5♦ Freedom – What is your darkest truth?
A♦ Freedom – What drives you?

3♥ Love – What is missing?
9♦ Freedom – Who did right to you?

2♠ Loss – Who needs you?