<<

Gish

No abrente do Humble Bundle apareceu este Gish xunto a outros xogos como o Aquaria ou o World of Goo. A miña ludoteca de Steam era moito máis pequena por entón e, por tanto, cada nova adquisición era un evento importante. Todos eran benvidos, inda que obviamente xoguei máis a uns que outros, só deixando sen probar algúns como Penumbra: Overture que xa sabía que non eran para min. Deste Gish non sabía nada, xoguei moi pouco e non me prestou. Lembro dicir que deberían implementar un modo de eliminar permanentemente xogos da miña conta (hoxe en día esixiría revender) para non ter que ler o seu nome nunca máis. Diso hai máis dunha década, e o meu tempo de xogo rexistrado era a incrible cantidade de 3 minutos. Semella demasiado pouco para facer un xuízo tan radical, así que, con moito respeto, humildade e curiosidade, dinlle un novo tento.

Amáis seica en 2020 recibiu algunhas melloras e novos niveis, de man do seu creador Edmund McMillen. Non tiña nin idea, de que era do mesmo autor do divertido Super Meat Boy e do cansino (ou igual son os seus xogadores) The Binding of Isaac. Mais, a verdade, esa foi a única sorpresa que recibín nesta nova volta. Xoguei moitísimo máis que anteriormente, superando varios niveis e quedando igualmente farto de manexar esa bóla de chapapote. O meu tempo total co programa aberto subiu de 3 a 10 minutos. Non se pode dicir que non o intentase, pero fíxoseme longo e non me prestaron nada eses 420 segundos adicionais.

A suposta graza é manexar unha materia amorfa semilíquida nun xogo tradicional de plataformas bidimensionais. O xiro vén de aproveitar as físicas desa materia e do mundo. Deste xeito, terémonos que lanzar rápido contra unha barreira para que caia e sincronizar ben os desprazamentos internos da masa protagonista para que os chimpos cheguen a boa altura. Podería funcionar, pero resultoume moi artificial e pouco predecible. Non axudaba a presenza de inimigos e un sistema de puntos de vida pegado enriba sen moito senso. Quizais sería mellor sen eses compoñentes, simplemente co obxectivo de chegar á meta de cada nivel. Hai tamén unha versión de código aberto que quizais encaixe con esa idea, pero xa xoguei abondo nesta década. Non o penso borrar da miña conta inda dado a oportunidade, pero non descartaría revendelo por 10 céntimos de euro.