<<

Golden Axe

Teño por aí unha listaxe de videoxogos que superei antes da creación deste diario. Realmente non ten ningún outro obxectivo que existir para lembrarme deles, pero a miúdo atópome pensando se merece engadir unha entrada baseándome en criterios como se podo garantir que cheguei ó final sen empregar trucos, atallos esaxerados ou un número de continuacións moi alto. Despois de todo, non ten mérito ningún pasarse o Sonic 3 con invulnerabilidade ou o Metal Slug X metendo máis moedas nunha partida que minutos dura a mesma. E, por moito que tento quitarme manías lúdicas que non me aportan nada, esa sensación de trampulleiro se conto como superado un xogo dalgúns deses xeitos non son capaz de sacarma. Mais no caso que me ocupa hoxe, o Golden Axe da Mega Drive, penso que é algo diferente, xa que existe un número de créditos limitados para pasar o xogo. Ou, se cadra, é todo unha escusa para non ter que xogalo outra vez tentando non continuar nunca.

Tartaruga no mapa

Outra cousa que era obrigada nos meus tempos mozos e xa non fago é o de xogar sempre no modo máis sinxelo. Daquelas eu pensaba que todos eses xogos que permiten aumentar o número de vidas ou continuacións no menú de opcións era porque premiaban que os xogadores non foran directos ó xogo. Hoxe en día prefiro tirar cos axustes por defecto porque penso que son máis equilibrados para a experiencia auténtica. E, neste caso, foron xustísimos para que acadase a vitoria no meu primeiro tento, xa que gastei todas as continuacións, todas as vidas e todas as barras de vitalidade agás a última cando o xefe final caeu e foi morto polo seu propio machado. Un machado que nin era dourado nin nada, por certo, o que me parece bastante confuso.

Machado no peito

Tardaría como unha media hora en superar o xogo deste xeito co anano Gilius Thunderhead, que si que leva un machado dourado na versión de recreativas, inda que supoño que non o machado dourado; non escollín a princesa Tyris Flare polo típico tema práctico de dano e alcance, nin a Ax Battler por ser unha copia de Conan e ter un nome bastante ridículo. Curiosamente esta versión consoleira é máis longa, con dous niveis adicionais sobre a das recreativas, incluíndo ese xefe final que levoume a meirande parte das miñas vidas cos seus esqueletos inmortais e a súa táctica de botarme o chan e lanzar unha maxia poderosa que non podía ser bloqueada de ningún xeito. Neste xogo os inimigos non teñen barra de vida, polo que fun golpeando co ataque de salto sempre que tiña ocasión ó mesmo tempo que dubidaba do dano que podía estar recibindo o inimigo. A verdade é que deulle moita máis emoción desta maneira e foi todo un alivio cando vin a animación final da súa morte.

Puntuación final

Inda que non foi dos meus xogos máis xogados de mozo porque penso que nunca tiven un acceso libre a el, como puido ser o caso do Altered Beast durante certo tempo, pero si que esta partida trouxo algo de nostalxia con ela, se cadra de telo alugado varias veces. O primeiro nivel era tal cal o lembraba, e o de viaxar en tartaruga e aguia non me resultou alleo, pero penso que tamén pasei moito tempo no modo de duelo que esta vez non me atrae nada de nada. Xa postos, prefiro continuar coa secuela da saga, a ver se tamén son capaz de superala nun primeiro tento co que fun aprendendo nesta intensa media hora.