Goof Troop
Cando tiña uns 16 anos, fixemos unha excursión urbana algúns compañeiros de clase para mercar uns agasallos para a nosa titora. Foi unha experiencia verdadeiramente divertida que, algúns días despois, inmortalicei nunha desas redaccións obrigadas, bautizando unilateralmente ao grupo como “Tropa Goofy”. A esas alturas xa tiña esquecida a serie de televisión que tanto me gustaba anos atrás, ata fun ver a primeira película ao cine! Agora lembro que Max era un rapaz-can deses modernos dos noventa, con roupa de talle grande, monopatíns e esa actitude cara a vida que todos desexábamos ter. Non obstante, nunca xoguei ningún xogo que tivera relación cos protagonistas da serie, inda que si que lembro ollar moitas veces a portada deste Goof Troop nunha tenda na que adoitaba parar. Por aquel entón inda non tiña a Super Nintendo e, cando a merquei, ou o xogo xa non estaba alí ou xa non me interesaba como para deixar os meus aforros nel (boa parte foron para o Rival Turf!, que indicara amablemente que me gustaría engadilo á miña colección, con ánimo de recibilo gratis, e me aseguraron que alí estaría cando volvera con cartos).
Porén, estaba disposto a analizar o que me perdín por aquel entón. Aí atrás si que xogara as primeirísimas pantallas, pero nunca con ánimo de continuar despois de perder unha vida contra o quinto inimigo que aparecese, aproveitando para reforzarme e superar esa teima de non xogar moito aqueles títulos nos que teño un fracaso ben cedo. A experiencia resultou positiva, pero marcada pola miña ansia de chegar aos créditos sen perder todas as vidas. Deste xeito, tentei avanzar o máis seguro posible, sen pararme a explorar todos os recunchos en busca de segredos que, seguramente, tampouco pagarían a pena. Manexando a Goofy (agora me representa máis có adolescente guai), os comezos foron ben doados, mesturando algúns crebacabezas de movemento de bloques con varios outros niveis de acción nos que a planificación axudaba a non perder vidas. Cada pequeno impacto podía reducir de contado o número das mesmas, devolvéndonos á acción na entrada da habitación cuns pequenos segundos de invulnerabilidade antes de poder recibir outro golpe, algo que me sucedeu varias veces por andar con apuros.
Por sorte, o xogo é xeneroso coas vidas adicionais, e non foron poucas as veces que o contador permanecía ao 9 máximo. Algunha vez aproveitei que, nalgúns puntos, as froitas que a recuperan volven aparecer debaixo dos barrís para aumentar o colchón de forma doada. Mais ao final do xogo, cando máis falla facían, semellaba que ese truco estaba limitado, polo que me acheguei ao crebacabezas final de empurrar bloques con número intermedio. Aí non había riscos de perder ningún punto de vida e podía repetir as veces que quixera, pero tras quince minutos dando golpes xa ao chou, elixín buscar unha guía para saír de aí e poder ir a cama antes. Debe ser un punto especialmente conflitivo, porque non foron poucas as que apareceron, e a solución pareceume moito máis complicada que todos os anteriores xuntos; por sorte neste non puxeron bólas de lume para esquivar ao mesmo tempo.
Cos deberes intelectuais superados con trampa, proseguín o camiño ata o xefe final. Non tardei en me decatar do que había que facer: coller as bombas e devolverllas ao pirata. Pero non era tan doado, cada pequeno despiste facíame perder unha vida e tardei en darme conta de que había que manipular o seu movemento coa posición do protagonista para que lanzase as bombas. Inda así, levoume bastante tempo porque tiña unha resistencia de mil demos, obtendo a vitoria xa sen vidas no contador! Xogo superado e hora de ir para cama, gardei a partida no emulador con ánimo de ver os créditos outro día.
Como xa dixen, coido que foi gratificante e que, a pesar de que había algúns escenarios con truquiños malévolos, o xogo non se portou nada mal. Ocorríanseme a miúdo maneiras na que o deseñador podería terme mandado percorrer varias veces cada mundo para mover algúns obxectos con calma, pero o deseñador, Shinji Mikami do Resident Evil, non foi tan cruel. Non sei se sería quen de apreciar todo o seu traballo cando eu inda era cativo, pero tendo en conta as varias partidas que xoguei ao Rival Turf!, sendo obxectivamente peor xogo, diría que non me trabuquei mercando aquel limpabarriadas.