Grand Mountain Adventure: Wonderlands. Capítulo 1
O primeiro que me chamou a atención deste Grand Mountain Adventure é que poidas escoller entre esquís ou unha táboa de snowboard, máis que nada porque funcionalmente dentro do xogo coido que son practicamente idénticos e o snowboard semella moito máis guai que os vellos esquís. Non por nada existen moreas de xogos coa táboa de neve, como 1080° Snowboarding ou o confusamente chamado Surf Planet. Pode que o meu radar das cousas que son molonas ou non ficara estancado nos anos noventa, pero non vexo motivo para que o meu avatar leve eses longos paus debaixo das pernas. Tampouco é que o fora notar moito. Por defecto, a cámara está moi lonxe da personaxe e, por raro que semelle, está apuntando á súa cara no lugar de apuntar ao cu, como sempre se fixo. Por sorte, pódese cambiar, así que troquei iso para que a cámara estea por detrás e, no lugar de estar na altura de Saturno estea na de Xúpiter, xa que non permite achegala máis.
Visto así, dende enriba, é bonito e calmo. Os controis, excluíndo a parte de facer pinchacarneiros no aire, son sinxelos: xirar, saltar e golpear. Os xiros van ben, e forman tamén parte do estraño sistema de aceleración consistente en moverse rapidamente dun lado cara outro, supoño que ten certo paralelismo coa realidade, pero a miña experiencia real con neve e velocidade resúmese en baixar unha pequena costa enriba dunha zorra improvisada, e xa foi moito para min. O salto actívase instantaneamente ao premer o botón, e non ao soltar, como en moitos outros xogos do estilo, o cal inda non procesei satisfactoriamente. O de golpear… pois non sei, semella fóra de lugar. Pódense golpear persoas, vehículos e ata animais indefensos. A min non me semellaba nada coherente co resto da experiencia así que pasei desa funcionalidade bastante tempo, ata que descubrín sen querer que provocaba unha aceleración considerable na personaxe. Entendino entón como algo preciso para acadar as medallas de cada montaña e non lle din moitas máis voltas.
Inda que semelle ser a típica experiencia tranquila, superar os diferentes desafíos de dificultade crecente conforme avanzamos polas diferentes estacións non será tan doado. Hainos de moitos tipos e a maioría dura menos dun minuto. Nas primeiras estacións non tiña problema en acadar os tíckets diamante, incluso sen saber o de golpear ou facer piruetas para acelerar, pero a medida que avanzaba conformeime cuns requisitos menos esixentes antes de pasar cara a seguinte. Agora mesmo estou no comezo da novena (dun total de dezaseis) e apañei todas as medallas de ouro nos desafíos indicados no mapa das anteriores, pero deixei sen apañar algúns dos billetes agochados ou dos desafíos opcionais de nivel máis elevado. O que peor fago é o de acumular puntos por piruetas, xa que non teño claro como maximizalos e tampouco é algo que se me estea a dar especialmente ben.
Todo iso nunhas cómodas oito horas. Supoño que me quedarán outras tantas ata chegar ao final, ou se cadra máis se a dificultade segue a aumentar, pero é un xogo que ben se pode coller de cando en vez para avanzar un pouco. E, se inda teño ganas despois de todo iso, tamén quedan por apañar todos eses billetes agochados que fun deixando ou deixarse baixar polas pistas sen obxectivos predefinidos.
P.D.: a verdade é que as capturas semellan máis feas do que se ve o xogo en directo.
Grand Mountain Adventure: Wonderlands. Capítulo 2
Pensaba botar outras oito horas neste xogo, obtendo todas as medallas de ouro, pero logo diso volvín e volvín. Agora xa sumo máis de trinta horas totais mentres continúo apañando logros. Primeiro foi o de atopar (que non vencer) todos os desafíos opcionais, logo obter o nivel máis elevado de puntuación onde antes conseguir as medallas de ouro, e agora só me resta apañar os tickets dourados espallados polo mapa para conseguir o cen por cento dos logros. Se inda así non me chega, hai máis cousas que completar fóra dese sistema, ou simplemente mellorar as puntuacións ou devagar polas diferentes montañas. As posibilidades son infinitas.
Do mesmo xeito, tamén é igual de infinito o catálogo de xogos ao meu alcance. Cada noite que atopo uns minutos de acougo neste Grand Mountain Adventure non estou a probar outras xoias que poida haber por aí. Porque enriba da táboa de esquiar os desafíos non son doados, pero como as repeticións son rápidas e cada tento non leva nunca máis dun minuto, non hai unha presión real. Mentres xogo penso nos outros títulos que me gustaría probar ou revisitar, pero o esforzo mental de comezar unha nova aventura fóra destas montañas semellaba bastante alto. E así pasaron semanas, sen que fixera moitos avances noutras frontes. Tampouco tiña ganas de escribir para aquí, así que non quixen forzar.
Se non fora polo meu perseguimento dos logros, diría que isto é ao que se refire a xente cando di iso de “xogar mellor”: ficar tranquilo cun xogo no lugar de bater a todas bandas como tendo a facer. Coido que estivo ben para este período de tranquilidade, pero xa boto de menos descubrir novos deseños e quizais é un bo momento para dar un chimpo a algunha experiencia curta para limpar o padal. Quizais alternando co libro de Timandra que teño a medias, agora que confirmei que non pasa nada por non apurar os xogos e as escrituras.






