<<

Great Greed

Hoxe en día, particularmente estas semanas, fálase moito, e con razón, do cambio climático e a loita do capitalismo contra o mesmo, cun claro gañador por máis que o combate continúe. Agora hai algúns que buscan referentes desa loita en rapazas carismáticas, pero nos anos 90 o efecto invernadoiro tiña un aliado máis poderoso: o Capitán Planeta. Xa, xa sei. Só eran uns debuxos, non serviron para nada máis que entreternos un rato e agora estamos peor que por aquel entón; pero polo menos había un personaxe virtual batallando contra a polución. E seica non era o único, xa que o protagonista deste Great Greed da Game Boy tamén ten unha misión semellante (con idénticos resultados para o planeta real, desgraciadamente).

Nesta aventura o protagonista é chamado dende o noso mundo para loitar noutro contra o malvado Bio-Haz. Este vilán non só emprega a súa forza para dominar aos nativos, senón que o fai traendo moita polución do noso mundo até o do xogo, obtendo unha ganancia persoal polo medio. Bio-Haz será o inimigo final, pero polo camiño atoparemos outros personaxes indesexábeis coma un alcalde que compra votos, lexisladores que fan leis ao chou para incrementar o número de escravos traballando no cárcere, ou seguidores cegos de Bio-Haz que o apoian por moito que estea a destruír o seu mundo (supoño que por razóns tan fortes coma “aporta riqueza ao país”, “se non fora el sería outro” ou “a contaminación é un invento dos verdes”). Por sorte, Xogn contará con axuda para completar a súa misión, especialmente das princesas de Greene, que serán fundamentais durante todo o xogo. No final de todo, temos oportunidade de casar ao protagonista con algunha delas ou calquera que pase por alí nese momento. A maioría de eleccións son moi tristes por unha ou outra razón, pero eu xa escollera non forzar o matrimonio de ninguén. Todos as opcións pódense consultar en VGMuseum.

Este xogo serviume ven coma continuación do meu intento inicial ao Dragon Quest da semana anterior. Neste tamén levamos un só personaxe, inda que ás veces teremos algunha invitada que nos botará unha man de cando en vez dende a segunda fila de combate. As únicas opcións que podemos tomar en cada quenda son atacar, esquivar ou empregar algunha das catro maxias que teñamos equipadas ao comezo do combate. O sistema é sinxelo e resumirase en premer o botón “A” constantemente na meirande parte do xogo, pero algunhas loitas contra xefes teñen máis graza e obrigan a establecer un plan e aplicalo, a pesar de que non sempre é obvio e que a sorte e os niveis de experiencia terán a súa parte. Mais se algo vai mal nun combate non pasa nada, xa que o xogo garda a partida automaticamente tras cada un. Coido que non sería imposíbel chegar até un punto morto irrecuperábel, pero é moi complicado inda que só sexa porque subir de nivel restaura os puntos de vida e maná aos novos máximos. Unha estratexia importante é aproveitar esta mecánica, especialmente entre as dúas fases do xefe final.

Resumindo podemos dicir que é un xogo de rol normaliño, coa excepción da temática ecolóxica e os intentos de humor. Toda a narración é moi lineal e temos que ir dun punto ao seguinte sen necesidade ou posibilidade de moita exploración. Está tan claramente dividida en “escenarios” que cada vez que pasamos polo díodo dun, péchase o acceso ao anterior e notaremos inmediatamente números máis altos nos monstros e no prezo do equipo novo para mercar cando chegamos a unha nova nación. Non levei a conta, pero deber levar uns 75 minutos por escenario, para un total aproximado dunhas dez horas, dependo do ritmo que se leve. O suficiente para desconectar un pouquiño dos dramas ambientais do momento, adicado a todos aqueles que non temos coraxe para realmente tentar cambiar algo do mundo.