<<

Henshin! Magic Rangers T01E04

Tiña moitas ganas de probar este Henshin!, un xogo de rol onde os xogadores interpretan aos membros dun escuadrón ao estilo sentai, coma os Power Rangers noventeiros que moitos gozamos no seu día. Está baseado no sistema Powered by the Apocalypse, pero coa novidade de non ter dados. No seu lugar, cada xogador poderá gañar fichas facendo quendas lixeiras que poñan máis complicada a súa vida. Logo poderá gastar esas fichas facendo unhas quendas fortes nas que será capaz de solucionar un problema satisfactoriamente de acordo coas súas características persoais. Estas características agrúpanse nos diferentes estereotipos xogábeis que toman nome das cores características destes grupos. Eu ofrecín os básicos ao meu grupo por non meter cousas moi tolas para esta primeira toma de contacto. Ninguén quixo arriscar moito, así que comezamos por un equipo formado polas cores Azul (Jake), Negro (Raven) e Verde (Lorn).

Pola miña parte non preparara ambientación ningunha, polo que comezaron creando unha entre todos. Asentamos en que os protagonistas obtiveron os seus poderes de cartas de Magic, aproveitando que tamén existe unha relación moi grande e obvia entre cores e poderes. No lado civil, os protagonistas serían estudantes do Instituto Richard Garfield, moi amigos entre eles nos seus tempos mozos pero que se foron afastando na adolescencia. Mais todo trocou un día, cando volveron a quedar para xogar unhas partidas ás cartas Magic. Nun intre moi dramático as cartas falaron directamente cos xogadores e lles deron os seus poderes para defender a Unidade e a Xustiza tanto en Dominaria coma no seu propio mundo. Mais todo iso pasou no primeiro capítulo da tempada destes Magic Rangers, e nós decidimos comezar directamente polo cuarto, para non preocuparnos de ter que explicar todos eses detalles.

Logo de decidir entre todos a ambientación e os vínculos dos protagonistas, comezamos a acción no soto de Raven cos personaxes xogando, como non podía ser doutro xeito, ás Magic. De súpeto, apareceu un bonequiño dun humanoide con cabeza de aspiradora que creceu até converterse nun monstro de dous metros de alto que comezou a succionar as cartas que alí se atopaban. Pola vía da forza, o trío conseguiu facer que tivese que fuxir sen levar tanto botín coma desexaba. Nunhas escenas posteriores aprenderíamos que era unha manobra de Sito Kaiba, o eterno rival no xadrez de Jake, para facerse coas cartas para os seus misteriosos fins. Confrontárono no comedor do instituto e o único que conseguiron foi que collese unha boa teima con Raven, cuxa nai traballa na Kaiba Corp do pai do alumno. Non obstante, dita escena viuse eclipsada cando apareceron Cabeza-Aspiradora e Cabeza-Tostadora no mesmo comedor, co resultado de secuestrar a Lorn e levalo para a mansión dos Kaiba.

Cando deron co lugar Jake e Raven non conseguiron facer unha infiltración axeitada, polo que remataron ao carón do seu compañeiro, nunhas gaiolas feitas con cartas Magic que non podían ser derrubadas por ningunha persoa. Por sorte, os nosos protagonistas, teñen máis poder que unha persoa normal, e grazas ás súas transformacións (cun estilo CGI moi cutre) e ás súas armas as gaiolas caeron coma castelo de naipes. Aproveitando a súa forza especial, conseguiron desfacer a Cabeza-Gofrera e Cabeza-Cafetera, inda que os outros dous inimigos conseguiron fuxir. O plan de Sito Kaiba seguía en marcha, xa que substituíu os protagonistas por uns clons moi inútiles, de maneira que ninguén os botaría en falla e, ademais, sabotaría a reputación de todos eles. Non obstante os protagonistas, xa coas roupas de civil, conseguiron darlle caza a dous deses clons e levalos a Kaiba Corp para intentar pescudar máis sobre eles (o de Lorn quedou no instituto e non se diferenciaba do real). Alí atopáronse xusto coa nai de Raven falando co Sr. Kaiba.

Inda que vén como recomendación para sesións únicas deste xogo no regulamento, a min non me parecía boa idea o de facer un episodio centrado nun dos personaxes, pero acabamos facendo iso mesmo un pouco por necesidades do guión. Nunha escena anterior xa describimos como Raven e a súa nai terían que marchar da súa localidade nativa para un lugar moi afastado, por esixencias do traballo. Na porta da Kaiba Corp engadimos que o Sr. Kaiba pensaba que lle estaba a facer un favor a unha amiga do seu fillo con este ascenso e non tiña mala intención, pero falaron que, se non era o que a nai quería, pois esa orde podería adiarse ou desfacerse sen problema. Logo dunha loita final contra Cabeza-Tostadora e Cabeza-Aspiradora na que estes creceron e os mechas protagonistas deron boa conta deles, pasamos directamente ás escenas individuais post-créditos. Neses momentos vimos a Jake xogando moito ao xadrez para recuperar os puntos de Elo que perdera o seu clon. A Lorn agochando ao seu clon (agora amigo) na casa do can para poder empregalo nas partes aburridas da vida. E, por último, a festa de despedida de Raven, xa que decidiron aceptar a oferta de ascenso e mudarse cara o norte. No seu lugar deixou a Clara, outra rapaza do seu grupo á que lle contou todo e que será a nova Magic Ranger negra.