Into the Breach

Sempre que pregunto por inspiracións para deseños de xogos tácticos baseados en casas cadradas aparece este Into the Breach. Xa era hora de facerlle caso a todas esas ben intencionadas recomendacións por moito que o FTL: Faster Than Light dos mesmos desenvolvedores non me convencese moito. Este caso semellaba diferente, porque o xogo xira en torno a uns combates tácticos con pouca influencia do azar, nos que pensar ben os movementos e accións de cada un dos tres robots protagonistas en cada quenda será o máis importante para conseguir a vitoria. Inda que semellan ser poucas pezas, o número de combinacións é moi elevado e non sempre fica claro cales serán as mellores consecuencias, tendo en conta ademais que existe incerteza sobre os inimigos que apareceran na seguinte quenda, e tampouco xoguei abondo coma para analizar ben os seguintes movementos das pezas rivais sobre o taboleiro.

Na miña primeirísima partida comprendín perfectamente todos eses elementos básicos, mais o meu descoñecemento das mecánicas secundarias, xunto coa miña falta de mestría nas primarias, fixo que perdera un piloto na primeira illa e definitivamente a partida na segunda. No seguinte tento tiña unha lixeira vantaxe, xa que un dos pilotos previos pode viaxar no tempo e comezar con máis experiencia, pero non foi abondo para non retirarme na fase final da primeira illa por perder outro piloto de robots. Foi na terceira viaxe cando saldei o primeiro conxunto de niveis con bonificación de perfección. A segunda illa non foi tan ben, mais chegou para acceder á loita final e conseguir a miña primeira vitoria!

Como agasallo do meu ben facer obtiven unhas poucas moedas por completar certos logros. Esas moedas serven para desbloquear outros equipos totalmente diferentes, coma o blitzkrieg, que xoga coas posicións dos inimigos para facer dano encadeado. Con eles conseguín outra vitoria rápida tras dúas illas, pero sen completar logros adicionais. Podería tentar repetir a fazaña con outros equipos, centrándome nos logros ou na dificultade máis elevada, pero tampouco teño moitas ganas. Logo de cinco horas atopo que, polo de agora, foi suficiente. Deixareino instalado para botar unha partida de cando en vez pero sen centrarme nel. Con todo, a experiencia resultoume satisfactoria. Agradezo a insistencia dos meus amigos para que, finalmente, lle adicase este tempiño.