Itty Bitty Toilet Kitty
Tardei nove minutos en iniciar, axustar os controis da Steam Deck, finalizar este xogo e ver todos os créditos. Nove minutos dan para escoitar Earthshine de Summoning, xogar outra vez ao Furi Demake - The Chain ou escribir unha entrada rápida nesta páxina para deixar constancia da partida.
O máis salientable é que é un xogo que hai que pagar. A min apareceume dun conxunto benéfico, inda que a institución que recibe os cartos vainos investir en axudar a formar a futuros traballadores da industria do videoxogo. Tería que pensalo ben, pero non me queda claro se o mundo é un lugar mellor logo de que esa beneficencia recibira os meus euros, máis que nada porque semella que hai uns voluntarios que imparten os seus coñecementos de balde aos que buscan traballo, de maneira que os únicos que gañan son os grandes estudios de videoxogos.
Supoño que a desenvolvedora non ten nada que ver con esa asociación, e é bastante honesta dicindo que o fixo co obxectivo de aprender as partes internas do xogo, xa que tamén traballa na súa industria. O resultado é un trío de niveis dignos dunha jam con algo de humor entre medias. A parte xogable é demasiado azarosa e sinxela, sen marxe para a excelencia nin a expresión do xogador. A historia que envolve todo está aceptable pero, obviamente, non pode contar moito máis.
Non pagaría por el, nin o volvería xogar, algo que si que faría co Furi Demake.