Jeanne D’Arc, capítulo 1

Este xogo histórico narra as aventuras reais de Xoana de Arco, unha moza francesa que loitou na Guerra dos Cen Anos contra os ingleses, mentres dicía que escoitaba a voz de Deus. Nesta versión, Xoana ten un brazalete que lle permite converterse nunha superguerreira durante un tempo limitado, o que lle axuda a derrotar aos monstros e demos do exército inglés. Coido que esta parte non é moi histórica, mais non fica de todo claro polo de agora se a fantasía é parte do universo ou só son as imaxinacións da protagonista.

O sistema de xogo é similar ao do primeiro xogo do que falei nesta páxina, o Shining Force: batallas soltas onde temos que manobrar as nosas unidades na nosa quenda e completar o obxectivo antes de que o bando inimigo nolo impida na súa propia quenda. Desta vez, os requisitos para superar cada desafío son máis variados e hai un límite de quendas para completalos, o que fai necesario trocar a estratexia e mantén fresco o xogo.

Das seis misións da campaña deste capítulo, só tiven problemas na quina. Consistía en fuxir polo extremo norte do mapa con todas as unidades, pero eu fun tan cabezón que desexei eliminar ao xefe dos inimigos pese a que non facía falla. Por dúas veces golpeou a Liane, a miña fráxil curandeira/maga, facéndoaa caer dun só golpe e causándome a perda do escenario. Tras cada fracaso fixen unha loita libre para gañar experiencia, pero tampouco é que aporte tanto.

As unidades á nosa disposición son todas únicas e poden ser equipadas con armas, armaduras, escudos e outras habilidades. Dentro destas últimas existen un tipo de pasivas que permiten cambiar o elemento do personaxe asignado entre sol, estrela e lúa. Estes tres elementos formar un ciclo pedra-papel-tesoira que outorgan (des)vantaxes no combate ao comparalo co do inimigo.

Rematei o primeiro capítulo despois de falar co delfín Carlos VII e ser nomeada para tomar Orleáns das mans dos malvados ingleses. A narrativa é presentada a través de conversacións entre os personaxes e, algunhas veces, intercaladas por unhas escenas de animación. Están en inglés sen subtítulos e os personaxes teñen todos un acento moi raro. Non é especialmente complicado seguir a historia, pero son da opinión que calquera xogo debería ter subtítulos, especialmente os de consolas portábeis.

  • Tempo transcorrido: 3 horas.
  • Batallas de historia gañadas: 6.
  • Batallas perdidas: 2.
  • Membros do grupo: 8.
  • Mulleres no grupo: 2 (25%).
  • Nivel de Xoana: 12.

Jeanne D’Arc, capítulo 2

Ademais de Jeanne, tamén teño a un tal Gilles cun brazalete que lle permite transformase nun superguerreiro durante dúas quendas en cada loita. Non só melloran as súas estatísticas e gañan un poderoso ataque especial, senón que tamén obteñen unha quenda adicional cada vez que rematan cun inimigo. E isto último o que fai que sexan as unidades máis importantes da escuadra, e que todas as pelexas sexan interpretadas para aproveitar ao máximo esas quendas de transformación. Evidentemente, neste tipo de xogos cada quenda é ouro polo que temos que aproveitalas ao máximo.

De entrada, non simpatizaba moito con este sistema de ter unha protagonista moito máis poderosa que as súas compañeiras e tampouco coas quendas limitadas para cada escenario, mais agora penso que as loitas están ben deseñadas ao redor das mecánicas do xogo, facendo que cada loita semelle un quebracabezas, no bo sentido do termo. Non podo botarlle a culpa das batallas que perdín á falta de experiencia dos meus personaxes ou a unha sorte terríbel (polo de agora, crucemos os dedos!).

A única derrota neste segundo capítulo foi por querer aproveitar ao máximo a transformación de Jeanne porque, inda que non o contei no primeiro parágrafo, tamén recupera todos os puntos de vida. Tanto quixen aproveitar este efecto que, cando me din conta, caeu derrotada. Isto sucedeu xusto despois de liberar Orleáns, intentando asegurar unha das abadías preto de alí.

Na narrativa todo lle foi ben ao delfín gracias ás vitorias de Jeanne, que segue escoitando voces de cando en vez. No bando dos ingleses, o xeneral Talbot segue obtendo derrota tras derrota pero sempre volve con máis ganas e máis nivel. A protagonista quere falar con el tranquilamente porque aporta un punto de vista no que non é todo negro ou branco. Xa veremos como continúa esta subtrama mentres o miúdo rei inglés Henrique VI prepara o seu seguinte plan. A non ser que me estea perdendo algo, a historia non varía en absoluto dun xogador a outro, xa que non hai ningunha pregunta que responder nin decisións que tomar fora das batallas.

  • Tempo transcorrido: 7 horas.
  • Batallas de historia gañadas: 12.
  • Batallas perdidas: 3.
  • Membros do grupo: 10.
  • Mulleres no grupo: 2 (20%).
  • Nivel de Xoana: 27.

Jeanne D’Arc, capítulo 3

Cando investigaba sobre este xogo, moi por riba xa que non me gusta saber de máis antes de comezar, atopeime con moitos xogadores falando do fácil que é. Non direi que é difícil, pero a intelixencia artificial ben sabe o que fai e é capaz de castigar unha mala posición para facernos perder a misión. Unha vez que isto sucede, temos que cargar a última partida gardada, polo que non temos o consolo de conseguir rabuñar uns poucos puntos de experiencia para a próxima vez.

Agora que as escusas xa están ditas, confesarei que neste terceiro capítulo tiven tres derrotas. A primeira foi nun escenario no que tiña que derrotar a un líder inimigo en particular. Lancei a todas as miñas unidades contra el, pasando do resto de rivais. Desta maneira, conseguín facerlle moito dano, pero o maldito lanzouse un feitizo de cura, anulando boa parte do mesmo. De igual maneira, nas seguintes quendas o dano causado foi estritamente menor do curado, e as miñas forzas foron decrecendo até a derrota final.

A segunda derrota foi por querer apurar no tempo todo o posíbel e deixar un oco nas miñas filas, nada sobre o que pague a pena estarricarse máis. Non axuda tampouco que sempre seleccione ás tres mulleres a miña disposición independentemente das condicións e obxectivos do escenario. A última derrota deste capítulo foi nunha loita libre contra uns dragóns para os que claramente non me chegaba ca forza actual da miña escuadra, supoño que debería volver máis adiante.

A historia continuou con Xoana e os seus facéndolle camiño ao delfín para que poida coroarse en Reims (lugar onde hai hoxe en día unha escultura ecuestre da nosa Xoana). Durante o percorrido, a protagonista vaise afastando dos seus amigos de toda a vida e centrándose máis e máis na guerra. Ela intenta liberar a todos os franceses do xugo inglés, por iso non comprendo cando algún dos seus compatriotas oponse aos seus plans. Iso obrígalle a ter que loitar contra eles para acadar o seu fin último, moi ao seu pesar. Polo menos atopou a outro posuidor dun brazalete que se uniu a súa causa: o mago Richard.

Nos compases finais do capítulo si que Xoana vaise dando conta de que, en realidade, non é máis que unha peoa nas pretensións ao trono duns e doutros, sen que haxa moita diferencia no sangue das súas veas (Carlos VII non deixa de ser o tío de Henrique VI). Mais, xusto nese momento, Xoana recibe un disparo e cae por un acantilado, a pesares da axuda da súa amiga Liane. Evidentemente é moi cedo para que a protagonista morra, e máis lonxe dunha fogueira, polo que xa veremos nos vindeiros capítulos.

  • Tempo transcorrido: 9 horas.
  • Batallas de historia gañadas: 12.
  • Batallas perdidas: 6.
  • Membros do grupo: 12.
  • Mulleres no grupo: 2 (17%, sen contar a Xoana).
  • Nivel de Xoana: 30.

Jeanne D’Arc, capítulo 4

Ao contrario que os personaxes do xogo, eu non me creo que Xoana finase ao rematar o anterior capítulo, polo que me referirei a ela coma unha desaparecida. Os seus compañeiros queren manter o espírito da pucelle vivo disfrazando a Liane coma se fose ela. Axuda ao engano que agora sexa esta a posuidora do brazalete que lle permite transformarse en superguerreira. Non escoita a voz de Deus, polo que iso segue a ser un trazo único da vella Xoana.

Baixo esta fachada, Liane vaise metendo máis e máis no papel e procurando loitas cun escaso interese estratéxico, tan só porque pensa que os seus actos son os correctos e que non pode perder nunca. Até consegue facer que o delfín sexa coroado rei en Reims! Pero todo isto afúndese cando fai un ataque en inferioridade contra as portas de París, liderando un exército de noveis que é masacrado ante os seus propios ollos.

Isto foi contado a través dunha loita na que fracasei dúas veces.A primeira porque non contei con todo o dano que poden chegar a facer uns arqueiros de tiro longo ás unidades do elemento contrario. A segunda foi porque, após derrotar a todos os inimigos, apareceron algúns máis cos que non contaba. Inda que no terceiro intento “gañei” a liorta, non era posíbel entrar na gran cidade de París e o grupo chamou a retirada pese as súplicas de Liane por loitar máis e mellor.

O fracaso en París, e a conversión da outrora doce Liane na sanguinolenta “Xoana”, causa moita fricción no grupo principal, en parte axudados polo malfacer do malvado conselleiro de Carlos VII; mentres este último non é quen de acadar o seu obxectivo de dominar a Francia, por máis que xa ten o cetro real. Neste momento, para levarme a contraria ao que escribín na entrada anterior, temos a primeira decisión A/B para escoller camiño no xogo. Ou ben tentamos debilitar as tropas leais ao rei ou axudamos a unha vila atacada por bandidos. Coma calquera persoa de ben, escollín a segunda e rematei protexendo uns cristais de enerxía máxicos e cunha nova feiticeira no meu grupo.

O capítulo finalizou cos protagonistas defendendo unha vila cando, de súpeto, unha insurrección volveuse contra eles forzando a súa retirada cara dentro das murallas. Por desgracia Liane quédase fora e, inda que o seu amigo de toda a vida Roger intenta salvala, todo apunta a que non será suficiente contra as ansias dos inimigos por capturar (ou algo peor) á bruxa de Xoana.

  • Tempo transcorrido: 13 horas.
  • Batallas de historia gañadas: 20.
  • Batallas perdidas: 9.
  • Membros do grupo: 12.
  • Mulleres no grupo: 3 (25%, sen contar a Xoana).
  • Nivel de Liane: 41.

Jeanne D’Arc, capítulo 5

Este capítulo foi moi curto dende o punto de vista temporal e lúdico, inda que si que avanzou bastante a trama. Non o comentara explicitamente até agora, pero cada un dos artigos nos que estou dividindo as crónicas deste xogo correspóndense cos capítulos nos que os desenvolvedores partiron o mesmo. Este titúlase “lume negro”, e quizais xa poderedes intuír o porqué.

Comezamos coa desaparecida Xoana, que espera aos pés dunha árbore que ten un busto humano no seu toro. Resulta ser un dos posuidores dos brazaletes orixinais e o do da voz que escoita a protagonista; non era Deus! Sabe que Xoana é a heroína que o mundo, non só Francia, precisa, polo que non dubida en gastar os seus derradeiros folgos (se é que unha árbore ten tal) para darlle o seu brazal á moza de Orleáns. Ela gaña os poderes físicos, pero nunca máis volverá a escoitar a súa voz.

Coa axuda de Gilles, Xoana záfase dunha emboscada feita por uns inimigos recorrentes na primeira batalla do capítulo. Tras ela, ambos saen correndo para intentar salvar a Liane, xunto ao resto dos seus antigos compañeiros. Polo camiño atópanse de novo cuns vellos inimigos, nunha loita que semellar ser totalmente de recheo pero que, como se demostrará pouco máis adiante, cumpre a función de atrasar ao grupo, de maneira que non poida chegar a Rouen a tempo para..

Mentres todo iso sucedía, Liane e Roger foron encarcerados polas forzas opostas ao rei, sendo a rapaza condenada a morte por herexe, xa que no seu papel de Xoana tamén afirmou escoitar a voz de Deus. Roger conseguiu salvala un par de veces, mais as voces que el leva escoitando dende o comezo da historia fóronse facendo máis fortes e o inutilizaron tanto a el coma ao seu plan. Irremediabelmente, Liane é queimada na fogueira sen que ningún dos seus amigos poida facer nade. Pobre Liane! 🙁

Roger foi o primeiro en chegar ao escenario da morte. Non é capaz de racionar o finamento da súa amada e culpa a Xoana de todo o que pasou. Cando esta última chega ao lugar, Roger entra en cólera de deixa saír o demo que leva dentro. Literalmente: sae un seitureiro! Por se isto non fora totalmente negativo, semella que non é o único da súa especie espertando e son unha ameaza real. Primeiro para Francia e logo para o mundo enteiro!

  • Tempo transcorrido: 14.5 horas.
  • Batallas de historia gañadas: 22.
  • Batallas perdidas: 9.
  • Membros do grupo: 12.
  • Mulleres no grupo: 3 (25%).
  • Nivel de Xoana: 39.