<<

Jet Set Radio: soñando, soñando…

O único que sabía deste Jet Set Radio era que foi publicado para a Dreamcast, que tiña gráficos cel shading e que ía de patinar. Tamén pensaba que sabía algunhas outras cousas, pero resultaron non ser certas. Os protagonistas van con patíns, e non enriba dun monopatín voador. O xogo non é extraordinariamente rápido. Non trata de facer acrobacias. E, definitivamente, non é nin pretende ser un xogo ao estilo dos Tony Hawk.

Supoño que isto foi inicialmente o que máis me chocou. Eu agardaba moitos chimpos, grindeos e combinacións de acrobacias a toda velocidade. Pero o xogo é máis un de plataformas cunha mecánica de patinaxe básica, que é secundaria á de facer graffitis por todo o mapa. Por esta razón, os controis están resumidos á panca de dirección, á do control de cámara e a uns botóns para saltar, acelerar, centrar a cámara e facer graffitis. Por algún motivo que non logro comprender, estas dúas últimas accións actívanse dende un mesmo botón físico dependendo do contexto. O mando da Dreamcast tiña espazo libre para separar ambas funcións, e xa non falemos dos que pode empregar calquera nesta adaptación a ordenador.

O noso personaxe grindeará automaticamente ao aterrar nunha barra, e fará algunhas acrobacias en cada chimpo alto. Ambas cousas aportan puntos, pero son algo fóra das esixencias para superar as misións e avanzar na historia. Facer largas combinacións teñen o principal cometido de percorrer rapidamente e con estilo os diversos escenarios, mais curiosamente son obrigatorias para superar o titorial opcional que accede dende o menú principal. Adiqueille unha boa hora tentando facer os movementos precisos para acadar os cincuenta trucos precisos, tomando un tempo morto para procurar unha guía de como facelo con garantías. Ao final foi máis insistencia que ter claro perfectamente as pulsacións exactas que tiña que facer.

Pola súa banda os graffitis realízanse recuperando botes de pintura espallados polo camiño e premendo o botón correspondente nos lugares sinalados para tal. Hai varios tamaños de mural e, agás os máis pequenos, necesítase superar un minixogo no que temos que imitar os movementos que aparecen na pantalla, simulando os trazos do debuxo. Unha cousa rara respecto a isto é que os personaxes que son mellores facendo graffitis obrigan a facer máis movementos e máis complicados que os outros, pero a cambio obteñen máis puntuación. Eu tardei en decatarme disto e cambiei de personaxe principal a outro máis rápido e que tamén solucionaba de maneira máis sinxela o tema das pintadas.

Desta vez quedoume moi larga a explicación das mecánicas, polo que repartirei nunha segunda parte a parte relativa a historia e algunhas apreciacións obre certos puntos do deseño. Coido que, tras xa case un ano de publicacións semanais, debería escribir en algures unha especie de sinopse sobre esta páxina e do que trata verdadeiramente, pero inda non o teño moi claro. A idea inicial era explorar xogos e facer comentarios sobre o seu deseño lúdico, mais pronto converteuse no meu semanario persoal cunha carente ambición de calquera tipo. Como non lle debo nada a ninguén, seguirei facendo o que me pete. Saúdos, larga vida e prosperidade!


Jet Set Radio: …triunfei patinando

A historia do modo principal deste Jet Set Radio énos contada a través do carismático presentador da emisora pirata do mesmo nome. Sita en Toyo-to, a aventura céntrase na banda GG e como intentan recuperar o seu barrio das mans doutros grupos. Para conseguilo, teñen, polo xeral, que graffitear por riba das pintadas dos rivais, inda que as veces hai uns encontros máis persoais nos que o obxectivo é pintar directamente as cosas dos inimigos. De cando en vez, alguén quererá formar parte de GG ou esta banda desexará fichar a alguén. Neste caso haberá unha carreira ou unha demostración da valía en base a ser capaz de repetir certos movementos concretos.

Centrareime nas misións de graffitear as cidades, por ser as máis habituais e representativas. As mecánicas son sinxelas, inda que non veñen moi ben explicadas: hai que pintar en todas as superficies sinaladas antes de que remate o tempo ou o noso personaxe quede coa barra de vida baleira. Na primeira metade do xogo temos que fuxir constantemente da forzas policiais que non dubidan en incorporar cada vez máis poder en forma de SWATs, tanques ou helicópteros de combate. Na segunda metade os rivais pasan a ser membros dunha megacorporación e os seus asasinos a soldo. Todo para frear a uns rapaces que andan en patíns facen pintadas.

Algo que non comparto de todo, referente ao deseño do xogo, é que, tras pintar un certo número de graffitis nun escenario, estas forzas rivais aumentan de poder. Isto provoca que ás veces sexa máis importante a orde das pintadas que a execución fluída dos obxectivos. Tampouco estou moi a favor de que sexa posíbel debuxar xusto despois de recibir dano, porque moitas veces simplemente aguantei os golpes sen parar de pintar, e vai contra o espírito do xogo. Pero o que peor me parece é non poder escoller misións pasadas para podelas repetir. O xogo tamén ten un compoñente de puntuación polo que poder mellorar a marca sen ter que comezar unha nova partida dende cero sería unha boa opción.

Sigo sendo máis fan dos Tony Hawk, pero unha vez adaptado ao sistema de xogo particular deste Jet Set Radio pois non o vexo tan mal. Óllese que non comentei detalles da narrativa do modo historia porque é moita loucura e o mesmo narrador non deixa moi claro se todo foi algo real dentro do mundo do xogo ou só unha das súas ideas felices que foi improvisando sobre a marcha nas súas ondas. De seguro que hai teorías soportando ambas opcións.