<<

League of Legends. Afortunado no xogo (I)

Esta é a primeira parte dun artigo que escribín para terrae no 2013. O videoxogo protagonista é o *League of Legends, inda que na escritura orixinal decidín non nomealo explicitamente para non darlle publicidade.*


Os sábados pola mañá fendía rivais xogando ao fútbol americano. Os sábados pola tarde fendía rivais xogando a videoxogos. Os sábados pola noite… facía cousas privadas.

Esta historia, como moitas outras ao longo da miña etapa universitaria, comezou co retorno ás clases despois das vacacións de verán. Os meus compañeiros xa levaban por aquel entón bastantes meses dedicados a un xogo de computador no que dous equipos de cinco xogadores, que encarnaban entre todos outros tantos personaxes, loitaban nunha contorna de fantasía por acabar coa base do rival. A pesar de que xa investira tempo no pasado nun xogo con mecánicas moi similares e á miña reticencia por “aprender” as reviravoltas dun novo, a presión social fíxome unirme a eles para xogar algunhas partidas. Inda que en realidade sempre preferín o ritmo do outro, o substituto satisfacíame máis por podelo gozar cos meus amigos tanto dentro coma fóra do campo de batalla virtual.

Velaquí unha primeira similitude co sexo: mellora moito con compañía.

Non pasara nin un mes da primeira vez que arrinquei o xogo cando estaba a competir nun torneo local. Apuntarámonos cun equipo case composto no evento, con ganas de pasalo ben e de ver como nos comparabamos ao resto de xogadores da zona. Tras un par de partidas amigables para aclimatarnos, comezamos o torneo superando amplamente aos nosos rivais nas dúas primeiras eliminatorias; inda que sabiamos que non eramos grandes xogadores, si que nos viamos fortes e con certas posibilidades tras observar ao resto de competidores. A pesar diso, tocounos unha terceira rolda complicada que nos deu a benvida cunha derrota. Non se acabaría aí porque o enfrontamento decidíase ao mellor de tres partidas.

As características deste videoxogo en particular impoñen unha gran desvantaxe aos xogadores noveis. Non só debiamos loitar contra un equipo que tiña máis experiencia no mesmo, senón que ademais penalizáballenos con menos variedade de personaxes e cada un deles con menos forza que se os manexase un xogador veterano. A única solución para sortear esta limitación é investir máis horas de xogo ou, seguramente como prefiran os desenvolvedores do mesmo, comprar con diñeiro parte do camiño á vitoria. Todo isto, unido á mecánica do torneo que permitía a cada equipo negar a selección dun par de personaxes cada partida, facía que non tivésemos moita marxe de manobra á hora de escoller os cinco personaxes cos que xogariamos.

Resumindo: os máis ricos poden conseguir rapidamente o que os pobres debemos obter a base de duro traballo.

Como viña sendo habitual, antes da segunda partida reunímonos co equipo rival para determinar os heroes prohibidos e seleccionados por cada bando. Non puideron conter unhas risas cando escollemos a un pequeno personaxe considerado como de broma e pouco competitivo, inda que pouco despois quitaríaselles da cara cando lles gañamos o segundo enfrontamento con nosa nada habitual composición de personaxes.

Como adoitan dicir: o tamaño non importa.

En realidade o pequeno personaxe non foi especialmente decisivo na partida, así que esquecédevos diso último, que era por darlle romanticismo ao asunto.

Na terceira partida puxéronse máis serios e decidiron gastar un dos seus dous bloqueos en evitar que volvese elixir ao único personaxe que eu xogara en todo o torneo. Todo un eloxio dalgunha maneira, pero por desgraza non é que fose simplemente o meu campión preferido, senón que, debido á falta de práctica, era case o único que era capaz de manexar a un certo nivel. Na terceira partida conseguíronnos derrotar, en boa parte porque eu non puiden achegar moito valor ao esforzo dos meus compañeiros. Nós quedamos desclasificados do torneo mentres que eles conseguiron chegar á final e quedar segundos. Non puidemos consideralo inxusto pero si que nos vimos máis que fortes para a práctica que levabamos.

Polo torneo tamén andaba un veciño dun dos nosos integrantes que, unha vez xogada a final, tomou o posto dun de nós e xogamos un desquite amigable contra os que nos eliminaban. Pasámoslles por encima cunha vitoria tan clara e limpa que dalgunha maneira sentimos que foi unha pena non habernos inscrito con esa aliñación. Polo menos así llo fixen ver, incluíndo o detalle de que eles catro podían conseguir mellores resultados en futuras competicións buscándome un substituto con máis experiencia que a miña. E fixéronme caso, pero só en parte porque me volveron a chamar a min.

Foi exactamente como eses rolos dunha noite que se van das mans e duran varios meses.


League of Legends. Afortunado no xogo (II)

Esta é a segunda parte dun artigo que escribín para terrae no 2013. O videoxogo protagonista é o *League of Legends, inda que na escritura orixinal decidín non nomealo explicitamente para non darlle publicidade.*


Con eses novos compañeiros fun aprendendo as reviravoltas do xogo e consolidándome no meu rol de xogador de apoio até que vimos un torneo serio onde poderiamos poñer a punto as nosas habilidades. Era no verán e tiñamos case dúas estacións para prepararnos algo mellor até entón, así que establecemos uns horarios nocturnos para poder xogar todos xuntos a modo de adestramento. Entre iso, os outros adestramentos oficiais do fútbol americano, o ximnasio e a miña vida social e académica como universitario, tiña unhas rutinas semanais bastante ocupadas. Pero inda así mas arranxaba para ter tempo para todo.

Despois de todo, sempre atopamos un oco para aquelas actividades que máis nos satisfán.

O día que comezaba, puxemos rumbo ao pavillón de deportes onde se disputaría o torneo do noso xogo, ademais de varios outros que tamén estaban de actualidade por aquel entón. Subidos os cinco nun mesmo coche, incluíndo os computadores, roupa e útiles de hixiene, fixéronsenos máis que longos os 200 quilómetros que nos separaban do noso destino. Unha vez alí tivemos tempo de xogar algunhas partidas de quecemento e de improvisarnos unhas camas sobre o chan do pavillón: as partidas de verdade non comezarían até a mañá seguinte.

Pouco antes do torneo intercambiara roles co encargado de xogar un dos personaxes de corte ofensivo, máis por presións do resto do equipo que por iniciativa de ningún de nós. A pesar da relativa falta de práctica, non saíu nada mal xa que atopamos un par de personaxes que se compenetraban ben e que nos axudaron a superar as primeiras roldas nas que todos os membros do equipo estaban a facelo bastante mellor que a oposición. O resto de roldas marcharon segundo o esperado e, inda que xogamos bastante ben, terminamos o torneo a unha vitoria de estar nos postos que recibían premio. Marchámonos de alí coa sensación de haber aprendido bastante e con ganas de volver para gañalo na súa seguinte edición.

Pero unhas semanas máis tarde analicei a situación e decidín deixar o equipo e o xogo, máis que nada para poder dispoñer de máis tempo para o resto de actividades. Isto supuxo a disolución do equipo até que en marzo, unha vez pasados os exames da universidade, xuntámonos todos por casualidade e xoguei a miña primeira partida despois de medio ano, coa mesma compañía que a última. Como era de esperar, non pasaría moito tempo até que volvemos pensar en competir e en prepararnos para o noso torneo estival preferido.

Foi como o sexo de reconciliación: aquí vén un chiste, pero non se me ocorre nada.

Entre partida e partida un dos nosos compañeiros comentounos que había un pequeno equipo amateur dedicado aos videoxogos competitivos que desexaba expandirse máis aló dos xogos de disparos feitos para consolas e pensara xustamente no noso. Non estiven ao tanto dos detalles da negociación pero pouco despois estabamos a xogar baixo un novo nome, gañando a posibilidade de participar en torneos en liña de pago sen ter que poñer un euro do noso peto. Isto axudounos bastante a progresar inda que esixía máis compromiso polos horarios e os nosos resultados non eran especialmente destacables. Tamén aparecían as nosas fotos, nomes, pseudónimo e unha pequena biografía na páxina do equipo, coma se fósemos os futuros Van Halen dos videoxogos.

Entre outras cousas tamén contabamos cun amigo que non xogaba habitualmente connosco pero que o incluímos no equipo a modo de mánager. Isto veunos estupendamente para axudarnos coas inscricións, planificación e, especialmente, para repartirnos os seis en dous coches e non ir ao torneo apertados como nunha lata de sardiñas outra vez. Tiñamos até unha cama inchable, todo pintaba ben. Unha vez empezada a competición superamos as primeiras roldas sen problemas e un fallo na rede obrigounos a repetir desde o principio a partida decisiva dos cuartos de final na que tiñamos todo en contra, clasificándonos así para as semifinais cunha vitoria final. E algo curioso sucedeu nese momento, outro competidor que eu nin coñecía viño a desexarme sorte e ánimos persoalmente para o próximo enfrontamento; resulta que eu fixera unha boa partida contra o seu equipo nun dos torneos en liña e inda me lembraba polo meu nome de xogo. Empezábame a gustar o de sentirme como Eddie Van Halen.

E iso que algunhas parellas que tiven lémbranme menos que ao batería orixinal de Fangoria.

Nas semifinais e na repesca non puidemos facer demasiado contra os equipos que nos enfrontamos. Eu, particularmente, fun totalmente aniquilado polos meus rivais directos, conducindo en parte ao resto do equipo á derrota a pesar dos seus esforzos. Polo menos, debido ao noso resultado, conseguimos un premio en metálico que nos compensaba boa parte dos gastos da viaxe. Xa no coche volvemos comentando os fallos e as posibles maneiras de reconducir as pasadas derrotas nunha lección para o futuro. Pero realmente non as podería poñer en práctica porque dous días despois botáronme do equipo por non estar ao nivel.

Aí acabouse todo: non tiven nin ganas de volver arrincar o xogo e a amizade mantívose con todos os excompañeiros. A touro pasado podo dicir que non estou especialmente orgulloso de dedicarlle tanto esforzo a un videoxogo e moito menos admitiríao en persoa, pero non se pode dicir que en cada momento non fixese o que realmente me apetecía a pesar do que poidan pensar os demais.

E iso tamén se aplica a algunhas cousas que sucederon na cama.