<<

Legendary Creatures 2

Teño atracción polos xogos de facer equipos de heroes para que loiten automaticamente, supoño que porque é o máis parecido a xogar algo coma o Dota sen ter que colaborar con outros xogadores ou ser impedido pola miña propia falta de habilidade. É unha magoa que a meirande parte dos xogos do estilo sexan multixogador exclusivamente, de maneira que me teño que contentar con xoias ocultas coma o Astronarch, o Vivid Knight ou o Legendary Creatures 2 que agora ocupa a miña Steam Deck e a miña mente. Ningún videoxogo é perfecto, e estes tres están lonxe de ser a excepción, pero o entretemento non precisa perfección para ser gozado.

Loita

O formato das batallas é o dun taboleiro hexagonal onde as unidades, equipadas con obxectos, cambian de posición, atacan e empregan habilidades; aí non atopo problema. O que define o xogo, por tanto, é que unidades hai dispoñible e como se obteñen e melloran. No modo inicial de mundo aberto deberemos explorar e percorrer un mapa obtendo moedas (para mercar) e esencia (para mellorar). Esa exploración debe ser o máis eficiente posible, porque cantas máis quendas empreguemos máis poderosos serán os inimigos, pero resulta bastante tedioso para o importante que é, por exemplo, non deixar un xefe sen derrotar por moi feble que sexa. A primeira partida levoume dúas horas e media, e a segunda, na seguinte dificultade, non moito menos. Ambas foron bastante similares en canto que tiven que facer unha última xira na procura dos desafíos que non achara previamente (uns desafíos que xa non eran tal polo elevado poder do meu grupo), porque o salto de dificultade no encontro final é considerado. Ambas remataron en vitoria e unha sensación de que sería mellor se estivese todo máis condensado.

Estatísticas

Por sorte, existe outro modo máis resumido que non ten exploración e que tamén limita as posibilidades de facer o equipo que nos queiramos e nos incita a apañarnos mellor co que decida o azar. Por desgracia, para manter os números equiparables ao outro modo, hai que superar unha morea de loitas que non pasan de ser trámites pola falta de desafío. De feito, na miña primeira incursión deste modo, quedei tan acostumado a superar todo sen dificultades que perdín no primeiro encontro elite no derradeiro nivel porque non tiña un equipo compensado. A segunda xoguei máis en serio e conseguín gañar, pero novamente a parte con posibilidades de derrota foi unicamente a última. E, durando hora e media cada partida, tampouco é algo que podamos apurar. Gustaríame que houbera moitas menos batallas pero que cada unha tivese máis impacto, coma no Auto Chess.

Loita xefe

Tamén existen outras cousas que non me convencen, como a presenza dunha terceira moeda, persistente ente partidas, que se emprega tanto para desbloquear novas unidades como para forzar novas ofertas en calquera escolla, permitindo facer un equipo á carta mentres teñamos abondo. Por outra banda, ao ser un xogo chinés pouco coñecido, non existe (ou non sei atopar) material en inglés sobre como funcionan certas partes que tampouco saen explicadas no interior. Inda que levo máis de oito horas de xogo non teño nin idea de para que serve executar aos comandantes inimigos no lugar de recrutalos, por exemplo.

Execución

Con todo, gocei ben da experiencia. Está lonxe de ser un entretemento perfecto, ou un deses xogos que se converten en estilo de vida, pero non son esas características as que busco nun xogo independente asiático, polo que estou ben contento inda que non o volva tocar.