<<

Lego The Lord of the Rings. Comunidade

Na miña primeira experiencia cun videoxogo de Lego, un de superheroes na Playstation 2 xa hai moito tempo, decidín tras quince minutos que non era para min. Supuxen que eu era a excepción porque hai unha morea de franquías que foron adaptadas a este estilo de xogo, pero aproveitando que regalaron este baseado na obra de Tolkien para darlle un segundo tento. Vaia tamén por diante que nunca tiven nin bloques nin bonecos desta marca, polo que esa parte de nostalxia tampouco vai comigo.

O xogo comeza coa narración de Galadriel sobre os feitos que deron paso á Terceira Idade. Podemos manexar a Isildur e ao seu pai Elendil loitando contra un Sauron xigante e, tras a loita, levando o anel único ao Amon Amarth (ao monte, non ao grupo). Logo aparecen un par de escenas sobre o que pasou co anel, fóra dos eventos deste libro. Logo, outra escena de Gandalf, Bilbo, Sam e Frodo. E despois xa obtemos o control destes dous últimos hobbits camiñando pola súa aldea. Esta parte manexábel non dura moito, pois unha vez que chegamos ao destino indicado, comeza outra animación coa incorporación de Merry, Pippin e os xinetes escuros.

Con tanta exposición sen ter o control, fica claro que o xogo está directamente baseado nas películas de Peter Jackson. E non só é que as escenas, ángulos e cortes sexan os mesmos, tamén as liñas dos personaxes están sacadas tal cal das películas. Certo é que en cada momento hai algún personaxe facendo algo gracioso para romper a posíbel seriedade, engadindo algo de humor moi sinxelo apto para todos os públicos que será pauta durante todo o xogo.

No apartado das mecánicas do xogo tamén prevalece a sinxeleza. Só completei a parte da Comunidade do Anel, pero coido que o padrón fundamental non cambiará nin un ápice. Consiste en avanzar polo escenario tridimensional até chegar a un quebracabezas que bloquea o paso. Nese momento podemos esborrallar todo o esborrallábel para obter as pezas que precisaremos. Logo simplemente é cuestión de acercar o personaxe necesario ao lugar sinalado para poder progresar un pouco máis.

Cada un dos personaxes ten as súas propias habilidades especiais. Por exemplo Legolas pode saltar alto e lanzar frechas, Gimli pode derrubar certo tipo de bloqueos, e Samsagaz é o xardineiro-incendiario especialista en facer crecer plantas e empezar lumes. Nin vos imaxinades a cantidade de problemas que se poden solucionar neste xogo aplicando lume!

Polo de agora inda non simpatizo moito con este estilo de videoxogo, pero o meu plan é continuar até o final porque semella non ser moi longo e é outra maneira de re-experimentar o mundo de Tolkien.

  • Horas transcorridas: 3.
  • Personaxes desbloqueados: 13.
  • Mulleres desbloqueadas: 1.
  • Porcentaxe completada: 9’4%.

Lego The Lord of the Rings. Torres

O comezo desta parte das dúas torres é un bo resumo do xogo. Manexamos a Sam e a Frodo mentres seguimos o camiño marcado por Gollum a tráves do Pantano dos Mortos. Realmente semella ser o Pantano de Lume da Princesa prometida, porque cada catro pasos temos que apagar un lume que apareceu espontaneamente. Non levei a conta, pero máis de media ducia de veces temos que atopar auga dun pozo para apagar a combustión repentina, e cansa un pouco.

Unha vez que os lumes remataron, aparece un Nazgûl do que temos que agocharnos. Para logralo, avanzamos de illa en illa até atopar un burato onde Sam poda agocharse e logo activamos a capa élfica que fai invisíbel a Frodo. Isto tamén hai que repetilo unhas catro ou cinco veces, e en ningún momento é divertido. Esta idea de estender un concepto artificialmente repítese ao longo do xogo. Algunhas veces ten unhas boas reminiscencias de The Lost Vikings, tendo que empregar o personaxe axeitado en cada momento para solucionar o problema.

Ao contrario que no clásico de Blizzard, neste xogo está sempre claro o personaxe a empregar en cada caso, xa que a interface superposta non deixa lugar a dúbidas. Da mesma maneira, non é posíbel solucionar un quebracabezas mal e quedar atascado, a non ser que demos con algún erro de programación. Con isto e co de ter vidas infinitas, xa que morrer só nos quitará algúns puntos que son fáciles de recuperar e non moi importantes, estou de acordo: encaixa ben no tipo de xogo desenvolvido. Se as mecánicas en xeral estivesen un pouco máis pulidas, sería un bo xogo para desconectar mentres aproveitamos para recadar todos os segredos espallados pola Terra Media.

O xogo deixa ben claro que debes repetir os niveis con outros personaxes para atopar as pezas secretas. Podes atoparte xogando a historia principal con Frodo e Sam e, de súpeto, aparece un texto de Galadriel dicindo que lances unhas frechas con Legolas para chegar a un novo lugar, inda que no momento presente non teñamos maneira de facer iso. Tamén é notábel que o xogo está pensado para xogar a dous xogadores, e coida que coa pantalla partida e as accións simultáneas pode quedar moi ben.

A historia segue a reflectir os cortes das películas de maneira máis ou menos graciosa. Polo de agora os momentos máis épicos foron cando puidemos manexar a Bárbore e arrasar con todo baixo os seus pés. Chegados até aquí, farei o empurrón final para rematar a historia con Alancadas e compañía.

  • Horas transcorridas: 5.
  • Personaxes desbloqueados: 18.
  • Mulleres desbloqueadas: 1 (5’6%).
  • Porcentaxe completada: 16’4%.

Lego The Lord of the Rings. Retorno

Na historia do Señor dos Aneis hai moitos tramas que suceden ao mesmo tempo, e todas son importantes para consecución da vitoria sobre Sauron. Non o investiguei con profundidade, pero semella que neste xogo podemos avanzar nelas na orde que desexemos, agás cando o ollo de Sauron están vixilando un camiño, xa que nese momento temos que trocar o seu foco a outra fronte. Pareceume unha idea moi boa, respectando o material orixinal, e algo que non tiña atopado noutras adaptacións lúdicas da obra de Tolkien, inda que me quedan moitos clásicos por probar.

Con outras mecánicas non simpatizo tanto, coma xa comentei nas entradas da semana pasada. A parte fundamental do xogo de derruír algo para construír outra cousa coas mesmas pezas limítase a situarnos no píxel máxico e pulsar o botón de acción. Hai outros casos nos que Gandalf pode empregar os seus poderes jedi (nótase que a versión de Star Wars precede a este e que roubaron a mecánica de alí) para mover as pezas nunha especie de Tetris tridimensional, pero os comandos non son bos e resulta algo frustrante. Para ser un xogo baseado nunhas pezas de construción, estas funcionalidades deixan un pouco que desexar.

Pero o peor de todo é a cantidade de bugs que hai no xogo. Xa me atopara con Bárbore voando, hobbits atrapados na parede e un Legolas brincando ao chou cando non debería. Pero nesta terceira parte tiven que reiniciar dúas misións porque non as podía completar. A primeira foi na escena na que Frodo e Sam disfrázanse de orcos: collín dous cascos con Frodo e non había maneira de darlle un ao seu compañeiro. A segunda foi no camiño do Monte do Destino: apañeime para chegar a un lugar ao que non debería ter acceso nese momento, e non podía nin avanzar máis nin volver atrás polo camiño normal. A razón foi que non se derrubou unha parte do escenario pola que pasara, de maneira que a plataforma na que aterrei quedou totalmente illada do resto do escenario.

Esta última misión o ten todo: unha boa idea no Frodo canso ao que Samsagaz tenlle que abrir camiño, o erro xa comentado, quebracabezas de premer o botón xusto, e unha pelexa contra Gollum na que temos que repetir a mesma secuencia catro veces. Cando todo remata, podemos volver ao mundo e completar todos os segredos do xogo. Ten o seu encanto e, de gustar máis do bucle principal, coido que intentaría desbloquear algo máis de contido. Pero acho que foi suficiente para min: collín un par de acadamentos máis e pechei o xogo até outra etapa. Supoño que o resto de videoxogos de Lego serán máis do mesmo, polo que tampouco teño présa en probalos.

  • Horas transcorridas: 8.
  • Personaxes desbloqueados: 30.
  • Mulleres desbloqueadas: 2 (6’7%).
  • Porcentaxe completada: 25’2%.
  • Xogos de palabras con Lego-las: 0.