<<

Level Devil

Anunciado nas tendas móbiles co subtítulo de “NOT A Troll Game”, este Level Devil ten menos sutileza que mover a raíña a h5 como segundo movemento nunha partida de xadrez. Con tan só coñecer esa pequena descrición, e ver unha captura do xogo, xa sabemos de que vai ir o tema, polo que só falta saber que tal é a execución e como son na práctica os momentos trola.

Botóns

A miña sensación é que non está mal para pasar un rato, pero a estas alturas da vida nin me vou sorprender nin desesperar cos clásicos trucos que xa teño ben vistos noutros xogos como I Wanna Maker ou no Eyri’s Action. No Level Devil non haberá cousas moi tolas e os únicos momentos nos que tocará pensar serán se queremos tentar adiviñar por onde vai vir a trola, porque unha vez coñecida será directo evitala con mínimo de memoria. E así durante 80 niveles, que se atopan ben agrupados en quintetos que comparten unha temática. Algunhas están baseadas en novas maneiras de morrer, pero hai algúns toques máis interesantes coma esas homenaxes ao Flappy Bird ou ao VVVVVV.

Serras

Se non fora por esas copias de mecánicas, podería pasar por ser un xogo de vinte anos atrás mais, curiosamente, é un xogo do 2024. O simple da proposta lévame aos tempos dos xogos Flash en sitios coma Kongregate, onde igual pasaba dez minutos facendo algún crebacabezas pequena ou varias noites defendendo o meu castelo con magos e arqueiros. Sempre esquezo todos eses xogos cando repaso mentalmente o meu pasado lúdico, así que non sería raro que xa xogara a algo moi similar a este Level Devil e nin me lembre.

Fin

O único que podería recordar dentro duns anos é a pantalla interactiva de créditos. Nela está a última trola, e seguramente a máis grande. Semellan existir varios teletransportadores invisibles que nos mandan á parte esquerda da pantalla, cunha porta final ben visible na dereita. Conseguín aprender onde estaba o primeiro para poder pasar por riba del, pero sempre acababa caendo noutro un pouco máis adiante. Supoñía que non era posible de todo, inda que cabía a posibilidade de que houbese algunha ruta válida, polo que, despois de varios intentos, decidín buscar nas redes; e o que atopei (que non foi ningunha maneira de acadar esa porta final) non me gustou nada. Só había ducias de vídeos con títulos coma “o xogo TROLA máis INXUSTO DA HISTORIA” nos que os xogadores (só atopei varóns) berraban esaxeradamente tras cada morte, como se iso non fora parte das expectativas e a perda de progreso resultase significativa. A min o de xente sobreactuando dese xeito non me vai nada, xa que é obvio que é totalmente falso e sen outro obxectivo que chamar a atención.