Marmelada universal

A comezos de ano déuseme por retomar o contacto co rol, dirixindo varias partidas das que xa falei por aquí e ofertando algunhas novas para o meu grupo habitual. Unha que nunca se materializou consistía nunha mestura de Blood Bowl e Space Jam, onde os xogadores terían que raptar a Tom Brady para axudarlles a conseguir o trofeo máis famoso desa mestura fantasiosa de rugby e fútbol americano. As regras estaban baseadas no Roll for Shoes, pero alteradas para, na miña humilde opinión, funcionar mellor. Como xa dixen a partida nunca chegou a termo, pero velaquí podedes ver unha condensación da mesma en formato de xogo de rol dunha única páxina. Podedes collelo no Internet Archive, itch.io e DriveThruRPG, en todos os casos de balde.

Non obstante, o xiro principal de incluír a un xogador do noso mundo, e así imitar os eventos de Space Jam, non foi idea miña! Cando expliquei as mecánicas e as sementes de aventuras que tiña pensadas para esa sesión, Xerbud, das Irmandades do Dado, mencionou un posíbel paralelismo co filme, e esa foi xusto a peza que faría que unha desas sementes puidese crecer e sacar este froito. Por esa razón decidín incluír un apartado de “aventura” no produto final, que contivese as escenas que barallaba para a miña partida. O meu plan para a partida era manter esa premisa en secreto e que os xogadores atopasen pistas de que se atopaban na mansión de Tom Brady, sendo esta a gran revelación dos primeiros compases. Aí asumía a familiaridade dos meus xogadores con esa figura e como podería anunciala mencionando fotos de Gisele Bündchen no dormitorio. Non obstante, como normal xeral, considerei que era mellor consensuar dita figura antes de comezar a sesión.

Coma xa dixen, a mecánica principal de roladas está ben inspirada polo Roll for Shoes. Trátase dun pequeno minixogo que permite que a persoa que tira os dados poda modificalos para adquirir máis éxitos ou para aprender novas habilidades. Para que funcione axeitadamente precisa axilidade de parte dos xogadores para facer as contas rapidamente e non frear moito o ritmo da partida, xa que pode ser un dos problemas do sistema. Amais hai que ter en conta que a idea é que haxa tiradas de habilidades constantes para que as personaxes podan aprender máis e máis habilidades durante a partida. Inda que non aparece expresamente na sucinta páxina de regras, a inspiración de Space Jam tamén leva a considerar os fracasos máis como momentos cómicos que xiros con grandes consecuencias negativas.

A ambientación non é nada doutro mundo (hehe), pero decidín dividir unha parte en verdades sobre a mesma e outra máis variábel para acordar dentro do grupo. Obviamente cada partida será un mundo (hehe) con liberdade de sobre para trocar calquera detalle, pero deixar unha parte fixa coido que serve ben para ter unha base sobre a cal traballar. E aproveitei para meter o meu alcume aí, nun xesto de egocentrismo pouco típico de min, e o concepto de “dereitos de destrución do planeta”, que claramente está inspirado pola obra de Douglas Adams. Tamén me metín nunha pequena lea comigo mesmo cando quería que o partido fose anual, pero ese concepto non ten moito sentido cando hai varios planetas involucrados, polo que establecín 10.000 horas coma unha aproximación independente dos movementos planetarios.