Marsupilami: Hoobadventure
Sei quen (que?) é Marsupilami e pode que o cruzase algunha vez na televisión ou nalgún suplemento “El Pequeño País” que había na consulta do dentista (sen dúbida, era a mellor razón que tiña para ir alí e sempre me amolaba que me mandaran entrar mentres estaba a ler), pero non sei ningunha das súas aventuras e, ata hoxe, tampouco sabía que era parte de Spirou, o cal encaixa porque diría que se parecen moito dalgún xeito estraño. Este Hoobadventure é un deses xogos que merco ao peso, con ganas de probar cousas novas sabendo que a inversión non me vai tornar (máis) pobre. Algún acaban no caixón de “non me apetece agora” durante anos, outros son unha decepción pouco despois de tomar o control, pero este novo Marsupilami (seica hai outro para a Mega Drive do que non sabía ren) foi unha grande e agradable sorpresa.
A primeira sesión, de trinta minutos, foi moi satisfactoria, convencéndome dende a elección inicial de dificultade que permitía escolle entre invulnerabilidade, tres puntos de vida máxima ou dous. Eu escollín esa última, pero agradezo tanto as opcións como a claridade dos seus efectos, amais da posibilidade de convertelo nun xogo menos esixente para xogadores noveis. Unha vez na faena, os controis eran fluídos e os deseños dos niveis permitían percorrelos a toda velocidade. E non coma un Mario, no que non hai unha verdadeira sensación de avanzar rápido, e non coma un Sonic no que, pouco máis adiante, haberá unha morte instantánea. Non, aquí non se perde o ritmo nin correndo, nin facendo pinchacarneiros por riba dos inimigos nin empregando a longa cola do protagonista para engancharse aos aros. Resultoume unha experiencia tan fresca, saída aparentemente da nada, que tiven que buscar críticas doutra xente para ver se era unha xoia tan aclamada coma eu albiscaba.
E, efectivamente, hai certo acordo nas valías deste Marsupilami, pero tamén todos mencionan, como referencia moi obvia, case clónica, os Donkey Kong Country. Non é unha saga da que controle moito, inda que abofé que rematei a terceira parte co 103% completado, e semella que non a teño na cabeza para facer comparacións bastantes directas, porque unha vez lido é moi obvio. Inda así, unha vez coñecido o vínculo, na miña mente nunca foron tan homoxéneos e non aproveitaba as trampas estas típicas de Diddy Kong de facer unha pirueta xusto antes dun brinco para gañar lonxitude de salto. Tamén é certo que nunca interioricei esas físicas tan artificiais, cunha rara invulnerabilidade e rebotes nos inimigos: entendía a idea mais era complicado asumir o tempo coiote máis esaxerado da historia dos videoxogos.
Todo xuntado funcionou moi ben. Rematei a historia principal, completei os niveis alternativos, cheguei ata o final do contido adicional e ata xoguei varias contrarreloxos para obter un feixe de logros. Non foron nada complicados, obtendo as medallas á primeira mentres improvisaba a ruta tan rápido como podía, pero tampouco teño ganas agora mesmo de facer iso con todos os niveis para deixalo ao 100%. Nos tempos que aluguei aquel Donkey Kong Country 3 si que aproveitara ben para atopar todos os segredos, pero é que quizais xogaba nunha tarde tanto coma as case catro horas que lle adiquei a este durante as noites dunha semana.



