<<

Mega Man 3

Cando ollei este Mega Man Legacy Collection pensei en que sería unha boa forma de xogar eses clásicos bastantes descoñecidos para min. Como xa contei, tiña bastante medo pola dificultade que lle atribuía, e comecei decidido a empregar os puntos de gardado para facer máis doada a experiencia. Tal e como eu o vía, esa podería ser a única maneira que tería de experimentalos na súa totalidade e prefería iso a quedar sen saber nada deles. Despois resultou que non era para tanto, e que as continuacións infinitas eran máis que abondo para o curtos que eran os niveis, por moi esixentes que foran. E aquí estou agora, na terceira parte da saga e case tomándoos coma xogos de descanso entre outros máis duros ou longos.

Home duro

Non negarei que o comezo non foi un paseo, fracasando varias veces tanto nos camiños como nas loitas contra os robots do final de cada un. Unha vez vencido ao primeiro, o serpe, fun empregando a base de datos incluída para aproveitar ben as vulnerabilidades. Mais tiven outro freo ben cedo porque, neste caso, non existe un único ciclo de vulnerabilidades, senón dous, polo que hai que loitar sen esa gran vantaxe polo menos dúas veces. Con todo, unha vez xa pillada a inercia, conseguín pasar dun lao a outro lao apañando armas e xa lembrando a novidade do escorregón polo chan. Iso ata que chegou a segunda parte, que sube de novo a dificultade e temos que loitar contra os inimigos do Mega Man 2! Logo de varios fracasos, decidín tirar de guía para saber as mellores armas contra cada un e aí xa foi de carreira. O interior da base de Wily tampouco foi moi notable con esas axudas alleas, tiven outra vez algunha dificultade contra o demo amarelo, coma no Mega Man orixinal, pero aquí é moitísimo máis doado. Ademais, esta vez si, acordeime de empregar as recargas de enerxía para trivializar moitos dos encontros. Dinlle lume tamén ao can voador para non ter que facer saltos complicados en moitas das pantallas.

Can voador

Tiven un pequeno susto ao premer o botón do “seleccionar pantalla” logo de perder contra o penúltimo xefe, xa que me enviou de novo ata o comezo da base de Wily. Foi aí onde trampeei un pouco, cargando a partida anterior e borrándome todas as vidas para, esta vez si, “continuar” repetindo unicamente esa loita. A verdade é que non se sente coma unha gran conquista vencer o xogo con tanta continuación pero, sendo honestos como dixen ao comezo, é a única maneira que me atrevo hoxe en día con este tipo de xogos. Por moito que, quizais, poida gozar con parte do adestramento preciso para superalo do tirón, penso que o meu tempo está mellor investido probando o resto de xogos da saga, diminuíndo notablemente a frustración que podo chegar a sufrir. Se, cando remate esta colección de seis xogos, sigo a ter ganas de máis, sempre quedarán todos os desafíos adicionais que engade, consistentes en superar certos niveis ou conxuntos dos mesmos nun tempo reducido. Polo menos aí o posible estado de desánimo estará máis contido e un fracaso non implica tanto tempo desbotado.

Esvarar