Mighty Morphin Power Rangers: The Movie

Logo dun pequeno paro, prosigo coa miña viaxe nostálxica á Mega Drive dos 90 con este xogo baseado na primeira película que chegou a Europa dos Power Rangers. Comprárao nunha coñecida cadea de venta de xoguetes e, logo de ler as instrucións, atopei un oquiño para estrealo esa mesma noite. Diso fai xa moito tempo e a miña cabeciña non dá para máis, pero non sorprendería que, con tempo abondo, puidese telo superado no meu primeirísimo tento, xa que non é moi complicado. O que é seguro é que non é deses videoxogos que nunca vencín na miña nenez, xa que lembraba ben o final e todas as pantallas polas que pasei nesta nova aventura.

En cada un dos niveis poderemos escoller o noso ranger preferido (non hai unha diferencian mecánica importante entre eles) ou a un dos dous zords cando toca medrar (estes son algo máis diferentes). A parte de acción transcorrerá a puñazos contra os inimigos coma se dun Streets of Rage se tratase. Hai algunhas desemellanzas notábeis cos estándares do xénero: as combinacións de ataques execútase na súa totalidade inda que non conecte cun inimigo, non sempre hai un xefe final nos últimos intres dos niveis e só hai dous inimigos comúns repartidos entre as seis pantallas e nunca mesturados na mesma, o que debe ser algún tipo de récord.

A narrativa principal semella sacada dun capítulo de Buffy (inda que realmente sería o revés dado as datas de estrea): unha construción esperta a un poderoso tirano do pasado que emprega os seus poderes para controlar a mente da poboación adulta e facer que traballen para el; metáfora do capitalismo, supoño. Logo, os Power Rangers viaxan a outro planeta onde loita contra novos inimigos e obteñen poderes ninja e totémicos. Iso sucede tanto na película coma nas escenas que se nos amosan entre os niveis, pero non poderemos ser partícipes desa parte da narrativa. No seu lugar teremos unha viaxe ao pasado para aprender como tres dos Power Rangers obtiveron os seus poderes, relevando aos anteriores desa grande responsabilidade. Cando remata o flashback os propios protagonistas recoñecerán que non hai que centrarse no pasado e que toca loitar contra a ameaza actual.

Será nesa recreación de feitos pasados cando loitemos contra os emblemáticos masillas, obtendo unha apreciada variación dos mocos violetas da liña principal. Supoño que esa pode ser unha das razóns para intercalar eses episodios. Mais non teño dúbida de que a verdadeira razón pasaría por poder reutilizar os traxes clásicos e non ter que modelar os ninja da película. Por se fora pouco nese tramo tamén temos tres loitas consecutivas contra o mesmo xefe, ademais dun nivel cunha choiva de meteoritos difíciles de evitar que remata cunha “loita” contra unha estatua que non fai absolutamente nada. As decepcións durarán até o derradeiro conflito do xogo, xa que na última loita Ivan Ooze escapará cando lle falte un anaco de vida, e o seu verdadeiro final sucederá nunha cinemática prerrenderizada.

Eu xoguei dúas partidas co/coa ranger amarelo/amarela. Na primeira perdín unha vida contra Ivan Ooze no final polo que decidín darlle un novo tento e, esta vez si, superalo sen baixas. Con todo o malo que contei nos anteriores parágrafos, e sabendo que non é un xogo para arrincar decote, a experiencia resultante foi boa. Os protagonistas humanos manéxanse ben e o sinxelo de todo o conxunto funciona para ter unha diversión ocasional sen moita esixencia. E, coma case sempre no xénero, moito mellor se temos un compañeiro ao carón para gozalo. E, na falta dunha compaña física, podo recomendar o marabilloso capítulo de Tú no has tenido infancia sobre toda a saga (até o momento da publicación) dos Power Rangers.