Monster Hunter Freedom Unite: Kandra entra en escena

Ola! O dubido, pero se hai algún de vós por aí que estaba agardando a continuación das miñas aventuras no mundo do Ultima IV… pois teño malas noticias! Após perder as miñas notas sobre o mesmo, máis aló do escrito neste blogue, dáme algo de preguiza continuar. Xa veremos máis adiante pero, polo de pronto, non ten moita pinta de que o continúe nos próximos meses.


Acordeime outra vez da PSP e fixen unha boa investigación para decidir a que xogos xogar nela. Barallei moitas opcións, tanto do catálogo propio coma dos dos que se poden emular, pero sempre tiña o Monster Hunter na mente. Segundo os arquivos gardados na consola, adicáralle xa dúas horas no 2010, razón pola cal pensaba que non sería o meu xogo. O recordo de buscas dunha hora de duración, unha complexidade tanto dos controis coma dos sistemas de obxectos, monstros e algúns outros que nin coñezo, sumábanse aos centos de horas necesarias para completar o xogo (sen ter en conta o compoñente multixogador) para ter tódalas opcións de ser abandonado outra vez moi cedo. Pese a todo, instaleino de novo e, polo de pronto, foi todo un acerto.

O xogo comeza deixándonos escoller as características físicas e vocais do personaxe que encarnaremos. Xogona escolleu por min todos eses datos, polo que levarei a unha muller negra de pelo curto e claro chamada Kandra. A escena inicial amósaa sendo derrubada por un dragón xigante, e logo é transportada a unha aldea onde se procurará unha vida baseada na exploración e na caza de monstros. Porque basicamente o xogo resúmese en percorrer o mundo tras certos animais e asasinalos por encargo ou por beneficio propio. Normalmente son loitas largas nas que hai que evitar os envites do monstro e golpealo até darlle morte. Dóeme dicilo pero semella un simulador de touradas. Ningún animal foi ferido para a elaboración deste artigo.

Isto foi pouco antes de cambiar o idioma ao inglés.

Unha vez que obtiven o control de Kandra, decidín seguir un acertado consello dun traballador de Capcom nun artigo de The Guardian para promocionar o xogo: esquecerse dos tutoriais iniciais, escoller unha arma e comezar directamente polas misións principais; ao resto dos consellos non lle fixen caso, máis que nada porque non comprendía índa do que falaban. Eu escollín o martelo, e fun completando as tarefas máis sinxelas á vez que aprendía un pouco sobre as facetas do xogo. Para isto foi de certa axuda o compendio de revistas que hai na casa do protagonista, xa que explican algunhas das mecánicas do xogo e tamén dan algunhas pistas e consellos para suavizar a curva de aprendizaxe sen ter que recorrer a guías externas. Inda así, atopeime varias veces facendo unhas procuras moi específicas en internet para comprender certos asuntos que non ficaban nada claros dentro do xogo.

Nas capturas desluce un pouco, pero esta primeira escena é abraiante na PSP.

E iso é todo polo de agora. Namentres que moita xente está liada co Monster Hunter World, e pode que precisamente por iso, eu lieime coa súa precuela portátil. De seguro que non completarei todo o que o xogo ofrece, pero é o que me apetece neste momento. Xa vos irei contando as miñas aventuras mentres dure!

Monster Hunter Freedom Unite: opinións sobre as armas

Ao contrario que no meu primeiro intento de profundar na saga do Monster Hunter, hai xa máis de oito anos, desta vez conseguín completar unha morea de misións na mesma semana, dándome algo de impulso para comezar a comprender algúns dos seus sistemas. Porque, efectivamente, as 11 horas que lle adiquei, e as 33 buscas que completei, non foron máis que meter unha deda no gran océano que me agarda máis adiante.

Xa vou pescando as mecánicas.

Unha vez que collín ritmo, as buscas supéranse bastante rápido, pero sempre noto algo de preguiza cando me toca trocar a un novo escenario que inda non coñezo. Iso propiciou que repetise moitas buscas nas montañas e na xungla porque sabía exactamente o que esperar e que me encaixaba no oco temporal que tiña dispoñíbel nese momento. De feito, aproveitei a caza do velocidrome para darlle un tento a tódalas armas do xogo e ver cal podería ser a miña favorita.

Mais non sempre obtiven a vitoria á primeira .

Velaquí as miñas opinións sobre cada unha, despois de empregar as súas versións iniciais:

  1. Gran espada: moi lenta e bastante divertida, quizais a escolla de cando en vez para loitar contra algo ao que xa lle coñeza o patrón.
  2. Espada larga: semellante á gran espada pero máis rápida e sen posibilidade de bloquear. É a arma que máis empreguei polo de agora e encaixa no meu estilo.
  3. Espada e escudo: moi rápida e gocei da experiencia, pero a parte do escudo non me gustou case nada.
  4. Dúas espadas: todo o bo da espada anterior pero facendo unha barbaridade de dano en pouco tempo. As combinacións de ataques semellan sacadas de outras sagas de acción máis rápida coma God of War ou Devil May Cry.
  5. Martelo: ataques lentos e poderosos e permite correr con el. Non obstante, hai algo no estilo dos golpes que non me agrada de todo.
  6. Corno: unha especie de martelo pero cun sistema de notas musicais para dar beneficios ou habilidades. Non me decatei moi ben de como xerar as notas, pero este arma semella máis importante en multixogador polo que quizais non compensa o estudo.
  7. Lanza: gustáronme os ataques pero non son moi afeccionado do escudo. Non poder rodar quítalle moitos puntos.
  8. Bésta lixeira: fiquei sen balas especiais moi cedo, e logo tardei moitísimo en derrubar ao velocidrome. Un gran fracaso.
  9. Bésta pesada: moito mellor cá curmán lixeira e din conta rapidamente do monstro, mais o sistemas de balas non me convenceu.
  10. Arco: os controis son terríbeis, pero o sistema é entretido. Cando precise un arma a distancia é probábel que leve unha desta familia.
  11. Pistolanza: moi orixinal e efectiva, mais non me entrou moi ben. Se cadra debo darlle algunha proba máis.

Nalgúns casos non teño nin idea do que pasou.

Polo de agora penso que seguirei coa espada larga que tan bo resultado estame a dar. O xogo inda non deu ningún gran salto de dificultade, así que quizais troque de opinión cando comecen as loitas contra dragóns xigantes. Deixo o artigo neste punto para seguir xogando!

Nótase que é a miña favorita.

  • Horas transcorridas: 11.
  • Misións de aldea completadas: 32.
  • Misións de práctica completadas: 1.

Monster Hunter Freedom Unite: (re)iniciación

Sabes que un xogo vai para largo cando, após 18 horas rexistradas de partida, recibes un agasallo por completar os niveis de iniciación. E óllese que digo horas rexistradas porque máis dunha vez apaguei a consola cando as cousas non ían coma eu agardaba, polo que as horas reais son estritamente máis. Intentarei empregar a funcionalidade de “abandonar busca” que creo que ten un efecto similar a cargar a última partida gardada, agás pola parte de contabilizar o tempo.

Neste capítulo comecei e completei todas as misións da aldea do segundo nivel. As do terreo selvático non me deron grandes problemas, e até aproveitei para coller un par de veces un ovo dracónico que se troca por unha morea de puntos para mellorar a granxa Pokke. Explícome: tras o vídeo introdutorio do xogo, déronme acceso a una casa onde cociñar, durmir e gardar as miñas cousas, ademais dos dereitos de explotación de dita granxa, onde podo obter materia prima de todos os tipos grazas á axuda duns compañeiros felinos. É posíbel extraer ditos materiais certo número de veces tras cada busca, polo que forma parte da rotación que fago cada vez que chego de volta á aldea.

Os felinos son parte importante, e marabillosa, do xogo

Atopei maiores dificultades nas misións do deserto. Caracterízase por mesturar nun mesmo mapa zonas moi quentas con outras moi frías, polo que é preciso beber bebidas quentes é frías para manter a temperatura corporal. Iso é simplemente unha pequena incomodidade, mais as quenllas da area foron bastante máis problemáticas. Estas monstruosidades viaxan por debaixo da area moi rapidamente, facendo dano ó cruzarse co camiño da cazadora. É moi complicado atopar unha fiestra temporal para atizarlles pero, por sorte, é doado facer que saian á superficie estoupando unha bomba sónica preto delas. Pero, como eu son así, non preparei bombas sónicas adicionais para loitar contra a xefa das quenllas da area. Foron unhas pelexas longas, que abandonei un par de veces, e nas que finalmente acadei a vitoria pola vía máis complicada, xa que desperdiciei as dúas bombas sónicas “gratis” obtidas ao comezo da misión.

Pero inda ficaba outro xefe por capturar no deserto: o mítico peixe dourado. A última misión do segundo nivel consistía en pescar dous destes peixes difíciles de atopar. O minixogo de pesca non ten moito truco xa que consiste en empregar un cebo e darlle ao botón de acción cando algún pique. O tema é que o número de cebos que se poden levar a unha misión están limitados e, unha vez rematados, non atopei maneira de conseguir máis neste escenario. O risco da misión era case nulo, pero tiven que repetila varias veces até que por fin pesquei dous na mesma serie.

Recórdame a certo monstro de Expediente X.

Para rematar o capítulo, e abrir o acceso ás misións de tres estrelas, tocoume un enfrontamento contra un khezu, un monstro eléctrico bastante grande e moi perigoso que habita nas montañas nevadas. Nos primeiros intentos, levando unha espada larga, non tiven moito éxito, máis que nada pola dura armadura da presa en certas partes do seu corpo. Non sería até que a troquei polo arco cando por fin obtiven unha vitoria após unha larga persecución por todo o mapa. Tivera bastante sorte con algúns patróns de ataques, polo que quixen confirmar que non fora esa a razón do éxito, se non pola miña habilidade. Desta maneira repetín a caza catro veces máis, fracasando en dúas ocasións, obtendo unha vitoria tras rematar inconsciente dúas veces e, finalmente, conseguindo o éxito sen ser derrubado na última instancia.

  • Horas transcorridas: 18.
  • Misións de aldea completadas: 45.
  • Misións de práctica completadas: 3.

Monster Hunter Freedom Unite: o arquinimigo acuático-selvático

Continúo coas aventuras neste xogo asasinando máis e máis monstros para obter unha ganancia persoal. Tecnicamente hai dúas razóns para seguir cos xenocidios: a primeira é axudar aos veciños da aldea Pokke; a segunda é obter práctica e equipamento para vingarme do gran dragón que case me finou na cinemática inicial do xogo. Esta segunda motivación xa non semella moi nobre, pero eu penso que a primeira tamén deixa que desexar. Moitas veces son contratado con escusas coma “este bicho moléstame cando vou de picnic ao campo. Por favor, non lle deixes nin a pel”. Non é moi doado de xustificar eticamente eses servizos, e moito menos cando nin sequera cabe a defensa (igualmente inválida) “se non o fago eu, outros o farán”, xa que non hai máis cazadores preto.

Pero como de algo hai que comer, completei as misións de tres estrelas da aldea e unhas poucas misións de práctica. Estas últimas consisten en volver a loitar contra algúns dos monstros máis grandes nun entorno pechado e con algunhas combinacións de equipamento particulares: unha boa maneira de probar as diferentes armas e estratexias. Ao final de cada misión de práctica con éxito, obtemos algúns obxectos especiais para crear máis armas e armaduras, puntos para mellorar a granxa e unha valoración da caza en forma de puntuación. Por tanto, tamén ten ese compoñente de tentar superar o mellor rexistro de puntos ou de velocidade.

Quen non quere ter un canón-xoaniña na súa armaría?

Non foron os materiais obtidos nestas prácticas senón outros os que empreguei para actualizar a miña espada longa a unha versión máis poderosa con dano adicional de lume. Na parte de armaduras, completei unha combinación a base de herbas que, ademais dunha defensa apreciábel, dáme unhas bonificacións á recollida de materiais. Non son as mellores habilidades do xogo pero están ben para ir tirando.

No canto das misións da aldea de tres estrelas, conseguín, en máis ou menos intentos, rematar coas quince primeiras e coñecer os novos escenarios do bosque e do pantano, tendo que empregar moitos antídotos para contrarrestar os fumes tóxicos deste último. Pero antes de ter toda a categoría completada tiven que facer outros tres encargos, sendo o último dos mesmos a caza dun Plesioth verde acuático na selva.

Xa derrotara, no segundo ou terceiro tento, ao seu curmán do deserto, pero esta nova variedade facía máis dano, semellaba máis veloz e tiña un ataque que non lograba esquivar tanto como debería. Despois de morrer contra el moitas veces, e tras montar varias trampas e consumíbeis só para esta pelexa, logrei acabar con el na última vida e cando xa non me quedaban pocións. Como o monstro era acuático, eu tiña medo de que se fartase de espadoarse e liscase polo mar cando lle ficasen poucos puntos de vida, xa que non o podería danar alí. Por sorte, o xogo non é tan cruel e, cando xa estaba a pechar os ollos agardando por un novo golpe, vin a mensaxe de “obxectivo acadado” e puiden respirar de novo. Metaforicamente, claro, non hai maneira de aguantar a respiración durante máis de vinte minutos tan tensos.

O meu arquinimigo visto dende ben lonxe.

En contraste con esa epopea, a misión urxente para obter acceso ás misións de catro estrelas foi moi sinxela. Consistiu na matanza dun yeti que chamaba algúns esbirros de cando en vez (outros yetis máis pequenos, non é que fose alérxico). Os seus ataques víanse vir con tempo abondo para podelos evitar e contraatacar, polo que fun quen de dar boa conta del no primeiro intento.

  • Horas transcorridas: 29.
  • Misións de aldea completadas: 67.
  • Misións de práctica completadas: 12.

Monster Hunter Freedom Unite: Kandra sae da escena

Desta vez non rematei cun nivel de misións antes de escribir este capítulo, mais inda así completei un bo feixe de buscas. Ademais das misións da aldea e as de práctica, das que xa falei en entradas anteriores, tamén hai outras de procura de tesouro e as denominadas “misións de gremio”.

As dos tesouro tratan de atopar obxectos valiosos espallados polo mapa, téndoos que entregar no campamento base antes de que remate o tempo; eu intenteino só unha vez e non me gustou moito o sistema. As misións de gremio son versións máis difíciles das equivalentes da aldea e, inda que se poden realizar sen compaña, están pensadas para un grupo de até catro cazadores empregando o sistema multixogador sen fíos da PSP. A non ser que alguén por aquí preto desexe probalo comigo, ficarei sen saber como de ben funcionaría.

Até entón, agardo botando unha soneca co colega felino.

Comecei e completei pola miña conta unhas poucas destas misións de gremio e tamén algunhas de aldea. Nestas últimas abriuse o acceso ao escenario do volcán, que non aporta mecánicas novas até onde eu explorei. Loite contra algúns tipos novos de monstros, mais inda me quedan uns poucos por derrotar para pasar ao seguinte nivel.

Algúns dos monstros contan con modelos totalmente novos e outros son variacións dalgúns que xa apareceron previamente. Pese a isto último, cada un ten un patrón de comportamento único e, por tanto, as tácticas empregadas nun caso poden non ser válidas noutro. Pero, ao mesmo tempo, o xogo comeza a ser repetitivo tras as varias decenas de horas que levo.

E non sei cantos kilómetros fixo Kandra con pesadas armas na súa espalda.

Actualmente teño varios monstros que derrotar por diante, inda que xa perdín polo menos unha vez contra cada un. Coido que podería centrarme para vencelos co meu equipo actual, ou facer algunhas investigacións para adaptar as armaduras e facer máis sinxelos os próximos desafíos, xa que teño unha boa variedade de espadas longas pero só tres conxuntos de armadura, contando co inicial. De seguro que axudaría se lle botase un ollo a algunhas guías porque tampouco teño moi claro cales son as estatísticas máis importantes para as distintas loitas, pero non é algo que queira facer. Vou deixalo así polo de agora, inda que non sei se retomarei o xogo.

Dalgunha maneira o xogo é tal e como agardaba, e pode que inda mellor, pero penso que despois de tantas horas xogadas (relativas, xa que os expertos as contan por centos) chegoume polo de agora. É curioso mirar atrás e ver a mellora, xa que moitos monstros  aos que lle servín de almorzo varias veces, agora non son máis que un trámite para adquirir algún material. Só quero pensar que, se algún día volvo a este xogo, non terei que comezar o aprendizaxe dende abaixo de todo.

Até logo, Kandra!

  • Horas transcorridas: 38.
  • Misións de aldea completadas: 83.
  • Misións de práctica completadas: 12.
  • Misións de gremio completadas: 6.