<<

NBA Jam Tournament Edition. Memorias dun neno xogón

Coido que o NBA Jam marcou todo o meu coñecemento desa liga estadounidense de baloncesto na miña nenez. Había unha máquina desas no salón recreativo onde máis paraba durante o curso e outra nun cámping polo que andaba en verán, polo que de cando vez botaba cinco pesos para xogar un cuarto. Non era a inversión máis eficiente, porque polo dobre podía pasar moitísimo máis tempo no Dungeons & Dragons: Shadow over Mystara, pero o carisma dos xogadores (inda que non estaba Michael Jordan!) e, especialmente, do comentador, facían que resultase moi atractivo. Por cuestións monetarias, poucas veces xoguei partidos completos e nunca aproveitei o sistema de gardado das estatísticas porque non tiña claro para que servía.

Mais todo iso cambiou cando atopei a versión para Super Nintendo provinte da sección de alugamento do Blockbuster; a caixa estaba bastante desfeita, pero os cartuchos desa época aturaban ben toda a tralla que fixera falla. Na casa amorticei ben o investimento, entendendo perfectamente o sistema de gardado coa data de nacemento e progresando no torneo ata vencer a todos os equipos. Foi toda unha alegría atopar que ese fito desbloqueaba máis equipos e xogadores, dándolle unha segunda vida que nin imaxinaba. A esas alturas xa dominaba dende onde marcar todas as canastras ofensivamente e como aplicar a violencia de forma efectiva para obter a pelota nas tarefas defensivas.

Todo iso afectou, polo menos unha vez, á miña práctica como xogador de baloncesto adolescente. Como aleiro-tornado-base-suplente dun equipo que, misteriosamente, nunca perdeu un partido en tres anos, obtiven unha vez un balón perdido no medio do campo, agarreino forte coas dúas mans ao mesmo tempo que moitos rivais puñan as súas mans enriba miña e recibía varios golpes mal intencionados nas costas. Non mo ían sacar, eu tampouco tiña pinta de podelo pasar e o árbitro (que era o adestrador do outro equipo) non pitaba nada. Pensei entón en que faría Scottie Pippen na miña situación, pero como o único que sabía del era o que aprendera nos NBA Jam, agarrei ben forte o balón e movín os cóbados con ánimo de sacarme os rivais de enriba. Funcionou, pero tamén me pitaron falta persoal en ataque mentres o árbitro (que era o adestrador do outro equipo) repetía que iso non se podía facer. Pedín o troco polo cansazo acumulado (de resistencia física sempre fun xustiño) e, cando volvín de beber, o adestrador xa estaba chamando por min para que volvera entrar. Sentinme importante por unha vez, así que agochei o meu esgotamento e sobrevivín ata que rematou o partido. Gañamos, claro.

Doutra vez, xa nun sofá, o meu curmán alugou o NBA Hangtime para a Nintendo 64, e foron tamén uns días bastante divertidos. Resultaba todo máis esaxerado e a posibilidade de facer alley-oops era algo que precisaba nas edicións anteriores e non o sabía. De aí acabaríamos pasando a xogos máis serios, coma o Kobe Bryant in NBA Courtside, e apañei para ver algún partido da NBA real. Pero, ao mesmo tempo, botaba de menos aqueles días onde pensaba que se marcabas tres canastras seguidas podías facer que a bóla botase lume.