<<

Ninja Gaiden

Tras tantas semanas poñendo, polo menos, unha entrada semanal neste diario dixital, inda non falei nunca de xogos que comezasen polas letras “N”, “Q” ou “Y”. Estas dúas últimas non me sorprenden moito, pero o do “N” xa semellaba máis raro. Mais, inda que busquei explicitamente por xogos con boa pinta con este criterio, nunca atopei ningún ao que xogar o suficiente coma para plasmalo por aquí. Obviamente isto troca hoxe, porque escollín este Ninja Gaiden da Game Gear que nin sabía que existía ao comezar esta semana. De toda esa saga, coido que só xoguei ao clásico da Nintendo, ben coñecido pola súa dificultade e no que, seguramente, nunca pasei da metade.

Esta edición feita para a consola a pilas de Sega (que era a razón principal pola que había un cargador das mesmas na miña casa) non ten moito que ver con outros videoxogos homónimos. Xa no primeiro acto vemos o protagonista moi grande e cunha resistencia aos golpes extraordinaria. Poderá atacar coa súa espada tan rapidamente coma podamos premer o botón; e iso, xunto con manter o movemento cara a dereita e dar un chimpo de cando en vez, será abondo para superar a primeira parte e enfrontarnos ao primeiro xefe, que ten truco pero moi doado. O segundo acto xa esixe algo máis de pericia nos saltos, ao estar situada no mar e por ter que manexar un asasino que non sabe nadar. De aí chegaremos ao terceiro nivel, cun rañaceos que hai que ascender con scroll vertical automático e moita merda caendo: sen dúbida é o peor do cartucho. O derradeiro acto eleva moito a dificultade, cunha parte moi longa e precisa previa á loita final contra o xefe final e as súas tres fases.

O complicado do asunto é que hai que repetir todo o camiño polo nivel para ter outro tento contra o xefe, sen restaurar a vida. Unha vez aprendidos os movementos non resulta tan complicado, pero si que me levou un puñado de partidas superar todos os niveis e ver os créditos. Non sei se era algo habitual na época ou nese estudo en particular, pero sorprendeume que moitos dos traballadores aparecesen con alcumes ou cunha única letra. Supoño que non terá nada que ver, pero na miña mente existiría certa relación entre este feito obxectivo e a calidade subxectiva do xogo, que resultou un pouco regular, sendo xenerosos. Cousas coma o raro que funcionan os controis escalando, ou como pode ficar o protagonista atrancado enriba dun inimigo, non deixan un sabor similar aos Shinobi da mesma consola que xoguei aí atrás.