<<

Okay?

Seica Philipp Stollenmayer é coñecido en certos ambientes por facer xogos curiosos. Eu non sabía nada del, pero unha entrevista animoume a confiar nos seus deseños. Comezo por este Okay? principalmente porque é de balde. Xa atopara varios artigos falando do curioso que era que cada xogador puidese pagar o que estimase oportuno por el, pero non agardaba que, ao superar o nivel 20, o propio Philipp aparecese na miña pantalla para contarme o mesmo e pedirme cartos. Claramente soa como alguén que escribiría a súa propia páxina na Wikipedia mentres fai o posible por coincidir con Bennett Foddy nalgún acto con prensa. Ou iso é o que imaxino eu.

Mendicante

Mais aquí non dá a roncha con filosofía e nos deixa xogar tranquilos tras esa primeira e única interrupción. Podemos seguir, entón, escollendo unha posición e un ángulo para disparar unha bóla que faga desaparecer todos os bloques brancos. É tanto un xogo de móbil típico que resulta raro imaxinar que non existira antes. Pero todos os do seu estilo morren por exceso de publicidade ou por unha curva de dificultade mal feita, e aquí non é o caso. Ata a última decena dos 150 que inclúe, os niveis flúen ben e nunca estiven moito tempo sen avanzar, con algúns picos que están ben compensados con vales que nos deixan volver a sentirnos intelixentes.

Frechas

O comezo é ben sinxelo, con pequenos desafíos que podemos resolver xeometricamente na nosa mente antes de poñer un dedo na pantalla para probar a solución. Pero pouco despois comezan a aparecer outros nos que podemos imaxinar por onde vai a solución pero a preguiza mental de calcula é demasiado elevada. Neses casos, empregaba a miña intuición para tentar adiviñar cal sería o punto de partida e logo axustar o lanzamento dependendo do resultado. Cando a intuición estaba totalmente errada, remataba por facer unha implementación de forza bruta probando todos os comezos posibles ata que algún superase o nivel. Non era moi elegante pola miña parte e contrastaba coa elegancia dos deseños, pero inda podería ir a peor polas dúas bandas.

Complexo

Chegado certo punto, o fondo troca de branco a vermello ante a presenza dun crebacabezas aparentemente imposible. A solución surxe de casualidade, cando nalgunha probaa bóla escapa polo borde da pantalla para aparecer no seu oposto. Deume moito para pensar ese cambio. O inmediato foi que o deseño deses niveis tiñan que estar pensados para pantallas de calquera forma, xa que o terreo de xogo era totalmente a pantalla do meu móbil. Por esa razón, calquera solución na que o punto desaparecera en diagonal podería non ser válida para todos os dispositivos. O corolario que seguía era que podería haber solucións secundarias no meu teléfono que non foran as oficiais. Con iso na mente, avancei moitos niveis vermellos apelando o caos e deixando que a bóla rebotase moitas máis veces do requirido agardando que destruíse todos os bloques brancos sen esforzo pola miña parte. Se non funcionaba, trocaba un pouco as condicións iniciais e deixaba de novo en liberdade a ese axente do caos, xa que, pola súa natureza, eses pequenos cambios daban lugar a resultados completamente diferentes.

Fondo vermello

Seica os trampulleiros obteñen a mesma satisfacción mental ao superar un desafío cós que se esforzaron legalmente. Con ese sistema de caos debo confesar que abofé que sentía unha sensación de vitoria na que as endorfinas circulaban ao mesmo tempo que o cartaz do novo nivel. Batente menos satisfactorio foi nesa última decena de niveis que comentei antes. En moitos deles, por primeira vez, accedín a ver publicidade para obter a pista do punto de partida do disparo da solución. En varios casos era onde eu agardaba, pero a precisión no ángulo era tal que nin sequera así era doado de repetir. Estos ángulos e precisión xeométrica dos niveis máis baixos deron paso á busca dun ángulo ideal que non ficaba claro que existise. Coas axudas conseguín rematar o xogo, pero a sensación previa de elegancia perdeuse totalmente, ao igual que as posibilidades de que Philipp Stollenmayer levase un dos meus euros por este xogo.