<<

Os Sims

Merquei o xogo dos Sims ao pouquiño de que este fora publicado, xogueino bastante por aquel entón e non o volvín tocar. Antes deste, xa probara outros xogos do creador, Will Wright, seguramente o primeiro deseñador lúdico que fun quen de recoñecer polo nome. O máis destacábel era o Sim City, onde tiñamos que levar unha cidade dende a súa fundación até que esteamos fartos da mesma ou completemos as directivas do escenario. Eu non era consciente neses tempos, pero se queremos levar a nosa cidade ao “éxito” temos que aplicar certas políticas liberais por mor da programación dos algoritmos que a rexen, mais xa hai mellores artigos por aí comparados cos que podería facer eu.

Nos Sims a escala e máis pequena, a nivel de familia, pero non por iso é máis allea á visión persoal de Will. Entre retícula e retícula de splines, atopamos un sistema claramente baseado nunha meritocracia liberal. O protagonista ou protagonistas da nosa historia atoparán traballo tan cedo como desexen e unicamente dependerá deles ascender na xerarquía da empresa até chegar ao máis alto. Para conseguilo, iso si, terán que empregar todo o tempo libre mellorando as habilidades que precisen no choio e facendo novos amigos co obxectivo principal de acadar un mellor posto laboral. En lugar de semellar un simulador de persoas, parece que esteamos a adestrar aos xefes psicópatas do futuro.

Unha vez que temos cartos a esgalla, xa podemos mudarnos a un fogar máis grande, malpagarlle a unha asistenta para que limpe a casa mentres nós enchémola de trebellos caros por todos os lados; moitas delas, coma as camas máis caras ou a decoración teñen un efecto positivo na vida diaria dos sims, polo que neste universo ponse de manifesto que os ricos son máis felices cós pobres. Pero converterse en rico neste xogo ao final tan só depende do que faga cada un, así que non dan ningunha pena: o que queira ser máis feliz que ascenda no seu traballo para así ter máis cartos.

Nunha versión actualizada á realidade, o xogo non sería tan sinxelo. No comezo teríamos que escoller entre alugar ou pedir unha hipoteca para mercar a casa.. Os pagos das facturas levarían números bastante máis grandes, restándonos pouco a pouco os nosos escasos aforros. Atopar traballo non sería tan doado e teriamos que perder moito tempo en entrevistas e decidindo se rexeitar ou non esa oferta de traballo lixo que non daría pagar todos os gastos. Pola outra banda, o primeiro traballo non deixará máis tempo có preciso para facer a comida do día seguinte, durmir e asearse, listo para volver o próximo día e repetir toda a rutina outra vez.
Tamén podería darse a casualidade de que o sim sexa de “boa familia”, podendo comezar con vivenda propia, un bo posto de traballo na empresa da nai e con tempo abondo para seguir as súas inquedanzas e facer amizades. Agora que o penso, sería semellante ao xogo orixinal: se cadra a barriada dos Sims sempre foi unha urbanización dese famoso 1%.