<<

PAC-MAN Championship Edition 2

Na miña casa había unha maquiniña do comecocos, unha tal Puck Monster de Gakken. Se todos os videoxogos foran coma ese, hoxe en día estaría escribindo noutro tipo de diario, xa que non me prestaba moito. O tema das pantasmas que perseguían o amarelo protagonista por angostos corredores dábame angustia, por moito que, de cando en vez, tornasen os papeis e fora a pelota con boca o que tentaba chapalos. Tampouco é que a máquina fose especialmente portátil ou lixeira, polo que prefería a Game Gear, outras máis pequenas que tivesen algún tipo de Tetris ou a Defender da mesma marca. Pola banda do Pac-Man tamén xogara algunha vez por aquela época ó Ms. Pac-Man ou o Pacmania, ambos na Master System, mais só este último tíñame algo de graza por aquilo das tres dimensións e a posibilidade de saltar. Non é sorprendente entón que evitase bastante a saga até este PAC-MAN Championship Edition 2 que teño na conta de Steam sen saber moi ben por que.

Inda que non merco moito, emprego a miúdo as páxinas da tenda de Valve para saber de que demo vai algún xogo da miña libraría virtual ou para que me convenza de que paga a pena investir o tempo. Nesta secuela ó PAC-MAN Championship Edition as críticas estaban divididas, xa que moitos pensaban que era un paso atrás na saga e que non funcionaba tan ben como a loada primeira edición. Eu, que non quería gastar entre 10 e 15 euros para comprobalo por min mesmo, decidín darlle unha oportunidade directamente á segunda parte. E, se cadra por iso mesmo, fiquei contento co resultado. Dado o meu nulo historial coa franquía, non podo facer comparacións persoais coas experiencias que podía provocar ese primeirísimo comecocos, mais penso que as cores de neon, a música electrónica e a velocidade de xogo poden evocar perfectamente sentimentos semellantes. Mais iso non quere dicir que sexa un xogo similar, a pesar das aparencias.

Iso non quere dicir que sexa un xogo moi similar, xa que o modo principal trocou para se converter nunha carreira por conseguir a máxima puntuación nos cinco minutos de tempo límite. As pantasmas agora non son tan perigosas tampouco, xa que podemos bater contra elas sen problema até que acaben anoxadas, momento no que xa teremos que ir con máis ollo. Ou, polo menos, esa é a teoría. Nas miñas partidas para obter os logros de puntuacións altas non me preocupaba moito por elas, preferindo manter unha liña para maximizar os puntos e agardando con non cruzarme de súpeto cunha anoxada. Nunca tiven en conta ese xogo estratéxico de ter coidado de non rematar atrapado nun curruncho ou adiviñar cales serán os seguintes movementos dalgún inimigo para aproveitarme da súa sinxela intelixencia artificial. De feito, logo de varias horas, non teño nin idea do algoritmo de cada un, algo que penso que é determinante nas versións tradicionais para xogar nun nivel alto.

Non obstante, apañeime ben para acadar todos os logros agás un. Os de puntuación non me resultaron complicados unha vez que lin que a puntuación obxectivo non era a mesma para todos os niveis e probei nos que foron reportados como máis doados para tal fin, só necesitando uns poucos intentos en cada un. No modo “aventura”, que realmente non é outra cousa que unha serie de desafíos nun tempo limitado, pasei os primeiros cinco xefes optando pola dificultade media nos niveles previos. Para superar o sexto e último precisaría volver atrás e xogar moitos máis niveis na dificultade máis alta, pero preferín rematar a miña aventura neste modo aquí e quedarme a un logro de que o xogo apareza coma completo, por moito que nin xogase todos os niveis en todas as modalidades. Poño punto e aparte aquí, mais penso que mirarei os outros xogos de Pac-Man doutro xeito a partir de agora.