<<

Panzer Dragoon Mini

Coa miña primeira Sega Saturn viña unha demostración xogábel do Panzer Dragoon Zwei. Era a miña favorita de todo o cedé inda que só incluíse un nivel, que aprendín ben de memoria durante eses primeiros meses nos que non tiña moita competencia lúdica. Curiosamente nunca atopei, nin sequera de alugamento, ningunha das dúas primeiras entregas, mais si que conseguín uns anos máis tarde o Panzer Dragoon Saga nunha tenda de segunda man. Pero esa epopea non comparte a xogabilidade dos anteriores e tampouco xoguei os máis novos, polo que este Panzer Dragoon Mini da Game Gear no 2021 foi o máis parecido a experiencia que gocei naquela pequena demo.

Confesarei que non sabía deste experimento portátil e que, cando o descubrín, pensei que se trataría dalgunha versión pirata. Sorprendeume ler que era unha publicación oficial e que estaba enfocada a unha franxa de idade menor ca os outros. Isto explicaría que os dragóns sexan máis feitiños e tamén que a dificultade sexa baixiña: eu conseguín superalo completamente na miña primeira partida sen perder ningunha vida. Se sumamos o feito de que non existen rutas alternativas para percorrer os niveis, atoparemos unha experiencia moi pouco rexogábel, pois por non haber non hai nin sistema de puntuación. A única variábel é o dragón protagonista que escollemos no comezo, pero dubido que teña importancia máis aló das cores ou, se cadra, unha combinación de velocidade de manobra e a vida máxima, mais isto é unha suposición non corroborada.

Voei co meu panzer negro polos escenarios tridimensionais ao estilo dun Space Harrier simplificado. Neste caso o punto de mira móvese de maneira relativa ás manobras do dragón, compartindo controis pero con diferentes velocidades. Inclúense tamén as dúas modalidades de destrución da versión orixinal: disparos premendo rapidamente o botón ou un sistema de marcado e explosión se mantemos o botón baixado durante máis tempo. Este último non resulta nada espectacular, xa que os inimigos estoupan, no mellor dos casos, sen razón aparente, pero é a máis último para os inimigos comúns, que teñen unha gran resistencia ás balas. Noutro banda temos os xefes máis grandes, que só poden ser apedrados a través dese ataque ataque primario e pertencen á parte máis salientábel tanto en mecánicas coma no terreo visual. Nesas loitas haberá reminiscencias ás versións da Saturn porque os modelos rivais son similares e até xirará a cámara para atacar dende outros puntos de vista. Inda así, non é que pague moito a pena máis aló da curiosidade, e continúo a espera de poder probar algunha versión superior algún día.