<<

Pikmin. Capítulo 1

Deixei que un grupo de amigos escollera este xogo nunha enquisa, que gañou con moitísima marxe sobre o Panzer Dragoon Saga e o Parasite Eve. Agora semella obvio que unha das sagas famosas de Nintendo tería máis aceptación que outras escuras de Sega ou Square, mais eu estaba disposto a aceptar calquera resultado así que alá fun a manexa ó Capitán Olimar. Pouco sabía deste astronauta con gran nariz e as súas plantas acompañantes: que se trataba dun xogo de estratexia en tempo real da GameCube, a forma dos Pikmins, que viñan en diferentes cores e pouco máis. Con máis expectacións ca idea arranquei o xogo e… foron uns primeiros minutos algo confusos. Os gráficos, algo do que non tendo a queixarme, semellaban máis antigos e embarullados do que agardaba. Atopei o manexo do protagonista e as súas accións máis complicadas do necesario. E as mecánicas do xogo tan opacas que non entendía se estaba a facer as cousas ben ou non.

Día 1

Mais nada diso foi crítico pasada a primeira hora. Dos gráficos xa non podo dicir nada malo e o protagonista vai sempre cara onde quero. Pola outra banda, ben é certo que non sempre consigo que os Pikmin fagan o que teño na mente, e sobre as mecánicas vou aprendendo pouco pero inda teño algunhas dúbidas cada vez que sae un escenario novo. Por poñer un exemplo sobre isto último, aprendín agora lendo o manual que os pikmins amarelos poden ser lanzados máis altos cós outros, algo do que nunca me decatara (pode que porque non os empreguei moito) e que me dará acceso a unha peza da nave que non lle encontraba xeito coas ferramentas que pensaba que tiña.

Vermello

Supoño que comezarei por esa peza na seguinte sesión, xa que é a única que me queda nese anaco do mundo. O meu plan inicial era aproveitar que temos 30 días para atopar 30 pezas e recoller, polo menos, unha cada día sen forzar moito, ó mesmo tempo que ampliaba os meus números. Algunha vez tiven algunha desfeita nunha loita que saíu mal ou algúns vermellos que deixei na auga, pero mantívenme firme no meu obxectivo de non empregar a función de cargar partida para desfacer os erros. Ata o día 12. Foi entón cando, de súpeto, apareceu un robot que decimou o meu grupo e non souben loitar de volta, causando máis e máis baixas e perdendo a posibilidade de recoller a peza que viña buscar. Decidín entón repetir o día e abandonar ese modo de “home de ferro” permanentemente. De feito, xusto na repetición perdín unha morea de plantiñas azuis contra unhas ras e decidín volver atrás no tempo outra vez máis.

Robot

Cando comecei tiña medo de que a presión diaria por atopar os obxectivos e devolver todos ós pikmins ás cebolas, xunto coa de atopar unha peza por día, botáranme para atrás no xogo. E case seguro que nun pasado de neno xogón alternativo iso fora xusto o que pasase, con moitas recargas por non facer un día perfecto ou por incrementar o contador de perdidos tras un día complicado. Pero hoxe penso que xa estou curado de todo iso e podo convivir mellor con resultados non ideais. O que me faltaría para facer un modo “home de ferro” total sería entender ben as mecánicas para saber cousas como que 50 bichiños azuis non chegan para derrubar unha ra nun enfrontamento limpo. Para o tema de explorar, recuperar pezas e crear máis destas simpáticas plantiñas diría que hai tempo de sobra, pero entendo que fora máis un éxito de crítica e de galanos que nas casas particulares para completar a campaña.


Pikmin. Capítulo 2

Hai unha nota no diario de a bordo do Capitán Olimar que expresa as súas dúbidas sobre algo que xa me preguntara eu con anterioridade: os pikmins son tan violentos no seu estado natural cando no son manipulados? Parecíame bastante agresivo o de manexar un alieníxena que manda sobre todos eles e que, en moitos casos, consegue que moitos morran sen necesidade. No desafío final isto foi máis pronunciado que nunca, xa que non conseguín manexar ben o meu exército de plantanimais e o emperador deu conta de centos deles antes de caer, algo que só era preciso polo egoísmo do protagonista. Por sorte, nos créditos finais vemos que os propios pikmins atacan en manada un becho que pasaba por alí, deixándonos un pouco máis claro que, efectivamente, non teñen problemas en loitar ata cando non están dirixidos por ninguén. Ou, se cadra, iso foi o que aprenderon do bo de Olimar e agora andan soltos pola galaxia dispostos a esgotar vidas noutros planetas.

Violencia

Foron tres días, dentro do xogo, os que precisei para obter esa última peza da nave, pero entre medias repetín bastantes porque non foi nada doado. No primeiro simplemente abrín o camiño ata o inimigo, o que precisou movementos moi precisos dos pikmins amarelos para que puxesen bombas no camiño sen afogar antes. No segundo foi a gran loita, contra un xefe estilo Miyamoto que abría a boca para que lle puxeramos unha bomba dentro, deixándoo vulnerable os constantes ataques dos pequenos aliados. O meu resultado foi moito máis caótico que iso pero finalmente obtiven a vitoria case ó final do día. No terceiro simplemente transportei a peza de volta á nave e vin o suposto final bo e os créditos.

Estatísticas finais

Por sorte quedábanme catro días virtuais para obter esa última peza, así que tiven tempo de sobra. Iso foi posible a que xa mellorara a miña autoridade sobre os pikmins e era capaz de apañar un par de pezas da nave nun único período de claridade nos niveis previos. O penúltimo nivel agochaba dez delas e ningunha especialmente remota, inda que moitas requirían algúns paseos interesantes e evitar ou aniquilar algún tipo de vida autóctona. Aí explorei algo máis das posibilidades deste xogo, a miúdo preguntándome se de verdade era preciso ter incluido ese compoñente de loita tan presente. Se cadra podería ter sido unha revolución inda máis grande se collese esas bases do xénero pero evitase o combate real, simulando cousas similares con crebacabezas ou mostras de forza contra os outros animais.

Confusión

Tamén gocei co ton da narrativa. Con cada peza atopada aprendemos un pouco máis de Olimar, da súa familia e da súa nave, e resultoume doado sentir mágoa por el. Está lonxe dos seus, cun equipamento que claramente non está a altura da misión, sendo máis un calote ca outra cousa. Alégrome que ó final poida (en teoría) volver á súa casa, por moito que ese mes fixera moitos pequenos amigos. Acompañalo foi unha experiencia placentera, moito máis cómoda que as partes de estratexia en tempo real do Brütal Legend cun enfoque moito máis limpo e claro. É probable que un día destes continúe coa segunda secuela a ver que sorpresas agocha!