<<

Princess Remedy 2: In A Heap of Trouble

Gañei este Princess Remedy 2 nun sorteo da BoardGameGeek, que tiña o mesmo formato e autor có que me deu o Fortune-499. Ambos teñen unha protagonista feminina, gráficos “retro” e musiquiña a xogo. Debido ao moito que me gustou o outro, instalei este nada máis obtelo, inda que deixei pasar algúns meses antes de decidirme a xogalo. Comecei escollendo a dificultade difícil, e iso que non tiña nin idea sobre o funcionamento do xogo. Cando comecei co control da princesa, a ambientación e estilo lembroume inda máis ao Fortune-499: manexábase coma un xogo de rol consoleiro clásico, os diálogos falaban dun xefe e dunha torre que estaban a enfermar aos habitantes do mundo, e a nosa amiga Remedios foi chamada fóra do seu horario laboral para axudar a curalos a todos. Practicamente o mesmo que pasa con Cassandra no outro.

Mais aí rematan os parecidos. A crítica aos sistemas laborais e substituída aquí pola procura da saúde, tanto física coma mental, de todos os habitantes do reino. Un fin igualmente louvábel pero que non se explora tan polo miúdo, quedando no fondo como escusa para presentar as mecánicas ludolóxicas. O funcionamento das mesmas é moi sinxelo. Cada nivel ofrécenos unha distribución de inimigos que teremos que eliminar totalmente antes de que nos eliminen a nós no inferno de balas. Os controis resúmense en moverse para esquivar os inimigos e os seus disparos, xa que mentres tanto a protagonista dispara continuamente cara onde estea mirando. Tamén existe unha acción, limitada no número de empregos, que depende do personaxe secundario que nos acompañe en cada intre.

Cada un deses niveis comeza ao falar cun habitante do reino que sofre algún tipo de enfermidade. Ao superar o nivel daranos as gracias e, ademais da satisfacción de telo axudado, tamén teremos unha mellora ás estatísticas de combate da protagonista. Pola outra banda, poderemos saír con calquera personaxe curado para obter unha das habilidades activas no combate que mencionei antes de pasada. Normalmente estas divídense en modificadoras ao movemento ou novos ataques máis poderosos. Eu optei principalmente por estas últimas case todo o xogo, servíndome ben especialmente contra os múltiples xefes finais que funcionan coma barreira entre unha rexión do mundo e a seguinte.

Os xefes teñen padróns de ataque únicos que frecuentemente emanan de diferentes partes destrutíbeis do mesmo. Desta maneira algúns resultan máis inofensivos canto máis lle disparemos, mentres que outros mutarán para volverse máis perigosos cando a súa vida baixe do limiar establecido. Non son desafíos nada fáciles, polo menos na dificultade que elixín, e podo que non superase ningún á primeira. Moitas veces hai que ter un bo plan de derribo e abusar dos ataques especiais nos lugares e momentos axeitados, tamén aproveitando os momentiños de invulnerabilidade logo de recibir dano e a habilidade pasiva de Remedios cada vez que acerta cun disparo nun inimigo.

Empregando esas tácticas conseguín derrubar ao xefe final, logo de varias mortes, e tamén ao xefe adicional que aparece após superar todos os niveis e atopar todos os bauis con melloras. Desta maneira rematei o xogo nunha hora e media co 101% do contido experimentado. Existe outro 1% que precisa non saír con ningún personaxe até case o final da aventura, pero obviamente non coñecía a súa existencia até que era moi tarde. Para rematar, direi que tamén resultou moi interesante o baile de celebración do xogo coas mecánicas do Dance Dance Revolution.