<<

¿Quiere ser millonario?

Cando era un cativo era moi seguidor dos concursos de televisión. Valíame calquera, dende El gran juego de la oca ata Saber y ganar; de feito este último era o que freaba as nosas ansias de enchufar a Mega Drive inmediatamente despois de comer para xogar a algo como o Gauntlet IV. Nunca me deixaron de gustar, en maior ou menor medida, e cando chegou o 50 por 15 con Carlos Sobera pois aí estaba eu listo para ver xente máis lista ca min. O outro día decidín rememorar esa etapa baixando o xogo da Game Boy Advance e simular o meu paso polo programa.

Portada

A miña primeira partida rematou na sétima pregunta. Tiña que responder que actriz gañou un Oscar nun ano concreto da década de 1960. Non sabía, polo que escollín Julie Andrews, agardando que Mary Poppins ou The Sound of Music foran desa época e lle deran o premio; as outras opcións ou non me soaban tanto ou non sabería situalas no tempo. Non son nada cinéfilo e tampouco era que me xogase nada, así que confirmei a resposta e me mandaron para a casa cos cartos virtuais do primeiro seguro. Coido que ese era o resultado máis habitual no programa, así que andaría por debaixo da media pero na moda. Iso si, con cara de parvo por non lembrar que había comodíns para tentar chegar máis lonxe.

Decidín cambiar de enfoque e de obxectivo. No lugar de xogar con présa, probaría unha única partida seria, que transcribiría nesta páxina para que quen se pase por aquí fique abraiado pola miña ignorancia na pregunta que erre (precisamente esa sensación de vergoña será a que garanta que nunca me vexades nun concurso público). Respirei forte, arranquei o xogo e recibín a primeira pregunta: quen pintou La maja desnuda?

Tiña bastante claro que era de Goya, pero o presentador decidiu agardar pola miña confirmación expresa. Uf! Entráronme as dúbidas pero aceptei a miña primeira institución e… foi correcta! Menos mal, isto podía ser inda máis vergoñento do imaxinado. A seguinte era de xeografía: en que continente está Mongolia? Non sabía se enfocar esta crónica como se fora un concursante de verdade, aos que lle incitan a falar do que se lles pase pola cabeza. Supoño que podería mencionar que ten fronteira con China e Rusia, que escoitei un podcast durante case dez horas sobre Genghis Khan ou, eu que sei, que é un país asiático bastante coñecido. En fin, marcamos resposta e seguimos, que igual non sirvo eu para concursante de televisión.

Maja desnuda

Mais o xogo tiña outros plans: a resposta “correcta” resultou ser África. Confirmei nunha busca que, efectivamente, Mongolia é o país que eu pensaba (moitos falan da influencia de ChatGPT nos novos, pero Google xa estragou o meu cerebro hai anos) e decidín que este xogo non vale os 3MB que ocupa.

Mongolia