Reventure
O primeiro que fixen neste Reventure foi ir en contra dos estándares dos videoxogos e fuxir cara esquerda pola fiestra da casa na que comeza a aventura. Alí atopei un pequeno becho que esquivei sen problemas e unha montaña que non me custou escalar. Alí había un vello que afirmaba que non podiamos viaxar sós e un cofre no que atopei a espada lendaria! Excitado polo tesouro, probei a dar un espadazo con tan mala sorte que atinei no vello, causándolle a morte e atopando así o primeiro dos cen finais deste xogo. Non negarei que foi divertido. Nos seguintes minutos atoparía unha morea máis deses finais, a miúdo asasinando máis personaxes, tropezando ou intentando negociar cun dragón con moito lume na boca. Eran sesións ben curtas, satisfactorias e divertidas. A miúdo atopábame pensando “que pasaría se…” e a resposta estaba totalmente controlada polo deseño e engadía un final adicional á miña crecente lista dos mesmos.
Resulta moi interesante o artigo de Javi Cepa sobre como foi evolucionando o xogo dende os seus primeiros días. Unha das cousas que fala é dos elementos persistentes, pequenos trocos no mundo que suceden logo de acadar certas conclusións. Sendo algúns beneficiosos para o xogador en forma de atallos inda que a meirande parte só teñen efectos estéticos como mudar o debuxo e nome do personaxe protagonista. O que si é que, agás nun par de casos, sempre se tratan de personaxes masculinos, igual que boa parte do resto do elenco non xogable. De feito, a misión principal semella consistir no clásico de rescatar unha princesa e boa parte das interacións toman iso como base.
Por ese motivo, pensaba que existía un final especial que consistiría en salvala do Señor Escuro e traela de volta xunto o seu pai. Segundo a miña lóxica videoxoguil, sería ese o final que desencadearía os créditos e co que me sentiría satisfeito logo de atopar varias ducias dos finais secundarios. Mais non foi así. Por moito que centrei as miñas incursións nese obxectivo, obtendo bastantes fracasos máis ou menos novos, non obtiven ese final definitivo que eu imaxinaba. No seu lugar vin o final número 51, no que a princesa tomaba o control do reino pola forza e, sete anos máis tarde, todo volvía estar no mesmo sitio, coa excepción da nova estatua xigante de ouro.
Conseguir ese rescate levoume varios tentos nos que empregaba unha complicada secuencia de accións consistente en abrir determinados camiños, despoxarme de obxectos nun altar especial e equiparme con outros antes de ir por unha ruta determinada. Co tempo dinme conta de que podía ser bastante máis doado e rápido, polo que conseguín levar a princesa a outros espazos para así obter outros finais diferentes. Hai tamén un sinxelo sistema de pistas para axudarnos a atopar algúns deses finais, pero non é abondo se quedamos estancados por non entender os pasos en concreto para obtelos. Por poñer un exemplo, había un consistente en amorear cadáveres que non lograba activar, inda que enchín a pantalla con inimigos mortos tanto pola espada coma polos pinchos. A solución pasaba por matar 120 (!) consecutivos coa espada e eu supoño que aburrín cando levaba un cento deles ou por aí.
Unha vez que vin iso nunha guía aproveitei para ver que precisaba para “rematar” o xogo, que non era outra cousa que atopar cada un dos 100 finais, o que abre algún contido novo opcional. A min faltábanme 13, que mirando logo resultaron ser: o que comentei antes, un de agardar dous minutos no sitio, outros agochados tras unha trampa que nunca entendín e pode que algúns outros por aí espallados. Decidín entón poñerlle fin (hehe) aquí, porque xa comezaba a ser algo frustrante e coido que para obter os 100 finais tería que tirar de máis axudas. Para iso prefiro deixalo descansar uns meses e, quizais, botarlle un ollo de novo.