<<

Sanrio World Smash Ball!

Lembro con agarimo cando ía coa miña familia a unha vila cercana a pasar certas mañás soleadas das fins de semana. Non farei de menos á compaña ou á vila, pero o meu corazón de rapaz dos noventa latexaba pola oportunidade engadida de pasar uns minutiños no salón de máquinas recreativas que alí había. Gustábame moito porque había xogos que non coñecía e non eran especialmente careiros. Un dos meus favoritos dese lugar era o Windjammers, unha versión moderna do Pong con discos de praia. Este Sanrio World Smash Ball! é unha experiencia similar para a Super Nintendo; inda que menos espectacular có Windjammers, tamén é certo que se trata dunha implementación anterior nunha plataforma menos poderosa.

Ao igual ca nos outros xogos mencionados o obxectivo é marcarlle goles ao rival. Para logralo poderemos movernos bidimensionalmente por unha área que variará dependendo do escenario actual, chegando en varios casos até case poder entrar na meta allea. Ademais de desprazarnos teremos que bater no disco voador premendo os botóns de golpear pola dereita, pola esquerda ou polo centro, isto último cun ataque especial que hai que cargar previamente. Ese disparo directo será a chave para obter puntos de maneira sinxela en boa parte dos campos de xogo, pero hai unha morea deles diferentes para que esa estratexia non sexa sempre aplicábel.

En total existen trinta niveis cos cadanseus campos de xogo únicos. Son de diferentes topoloxías: máis abertos, máis angostos, antisimétricos, con elementos móbiles, coa portería descuberta, con resortes, etc. Precisamente os resortes son os protagonistas do nivel final, xa que non hai outra maneira de acceder á liña de gol e marcar os tantos resulta entón bastante azaroso. No meu quinto intento dende o comezo do primeiro nivel conseguín chegar até este último nivel sen perder ningún encontro previo, conseguindo aí unha vitoria por tres goles a dous. Nese momento amósanse os créditos, en perfecto xaponés ao igual có resto do xogo, e logo comeza dende o primeiro escenario, con maior dificultade pero retendo as melloras conseguidas polo protagonista.

As melloras aparecen en dúas versións: S (que entendo que pode ser velocidade) e P (que quizais sexa potencia de disparo). Non teño nin papa porque no controlo de idiomas asiáticos e porque os efectos non son nada aparentes, por moito que se podan amontoar varios niveis de cada versión. Para obter esas melloras teremos que golpear co disco a un bonequiño que se move horizontalmente na fase de bonificación; isto require certa precisión que é difícil de acadar cos controis do xogo, amosando de maneira práctica unha das deficiencias da xogabilidade máis importantes, xa que moitas veces simplemente bateremos no disco para afastalo da nosa meta pero sen ter moi claro cara onde vaise desprazar.

En resumo este xogo é un bo pasatempo, inda que algúns escenarios sexan algo desesperantes. A intelixencia artificial é axeitada xa que cumpre en canto a dificultade e semellar ter uns erros e tempos de reacción semellantes a un humano. Se cadra tamén serviría para un pequeno torneo entre amigos co modo de varios xogadores, xa que os controis e as mecánicas son ben sinxelas e o teito de habilidade é moito máis baixo ca no Windjammers, onde un xogador con experiencia non lle daría moitas oportunidades a un novo.