Sega Game Pack 4 in 1
Unha das cousas paralelas a esta páxina que quería facer era documentar a miña infancia videolúdica, estimando as datas de adquisición de cada unha das consolas que pasaron polas miñas mans no século pasado. A Game Gear foi a segunda dunha colección non moi grande, e viña con este Sega Game Pack 4 in 1, o cal me axuda a poñerlle unha data mínima xa que antes esa consola traía o Sonic ou o Columns. Pola outra banda, sen investigar moito máis, iso só me limita a que entrou na casa en 1992 ou máis tarde, polo que non me apaña moito para esa cronoloxía. Case mellor que esquezo de facer iso agora e xogo unha partidiña a eses catro xogos nun único cartucho.
O primeiro que probei foi o do rally. Claramente inspirado polo OutRun, trátase de avanzar sen fin por unha carreteira sen cruces nin incorporacións mentres adiantamos sen parar a unha morea de rivais que non teñen outra razón de ser que estorbarnos. A verdadeira carreira é contra o reloxo, que non deixa de contar cara abaixo pero que pode ser estendido cada vez que cheguemos a unha nova etapa. Hai un total de cinco que conseguín superar no meu primeiro tento. A dificultade claramente vai crecendo e cada vez custábame máis permanecer no medio da pista sen frear ou estouparme. Amañeime para chegar até a meta cuns pouquiños segundos no reloxo e conseguir a vitoria!
A seguinte parada foi a versión do Columns que rompía o piar principal da saga, xa que no lugar de aliñar tres xemas, teremos que conectar catro adxacentemente, ao estilo do Puyo Puyo. Atópase dividido en niveis e, en cada un, temos que eliminar unhas xemas especiais que forman parte da configuración inicial. De cativo sempre pensaba que era unha mágoa que non incorporasen as regras do orixinal, e hoxe en día manteño esa afirmación. Contaba con que foran vinte niveis en total, pero cheguei até o 26 antes de perder unha partida, e a verdade é que fiquei algo farto. Teño a partida gardada con moitísimas vidas dispoñíbeis por se algún día quero ver se chego até o final, que nin idea de cando será.
Do xogo de penaltis non gardaba bo recordo, xa que pensaba que era unha lotaría que o rival escollese parar o disparo ou non. E a verdade é que foi unha lección de deseño de xogos que aprendín ben de pequeno, porque tiña toda a razón do mundo e resulta moi frustrante. A parte activa é a de facer de gardametas, pero todas as que parei diría que foron dunha mestura de chou e instinto ao 80%-20%, sendo xenerosos. Conseguín chegar até o penúltimo nivel, onde empatei a tres tantos. Polo que sexa, cando hai un empate hai que volver tirar os cinco penaltis por bando, pero iso só pode suceder unha vez por partida, polo que a segunda vez obtense a mensaxe de xogo rematado e volver ao comezo. Ou mellor non, imos co outro deporte do conxunto.
Que non é outro que o tenis. Un dos meus preferidos cando era pequeno e o que me axudou a aprender case todas as regras dese deporte (tería que ver un partido na televisión algún anos máis tarde para entender o do carril de dobres). Tamén aprendín outros conceptos máis avanzados, como que é máis doado gañar no servizo propio, as vantaxes e desvantaxes de subir á red e que hai que forzar o rival para que se mova a unha esquina para conseguir o tanto cruzando a pelota. Esas lección quedaron comigo todos estes anos, e servíronme para gañar, ao mellor dun set, no nivel máis elevado no meu segundo tento. Todo iso baixo a atenta mirada de Sonic. Ou non tan atenta, porque nunca é capaz de dirixir á vista cara a parte baixa do campo.