<<

Shinobi

O Shinobi da Game Gear é un dos videoxogos que máis aproveitei na miña portábel de Sega. Sentado nun tallo, estratexicamente situado na cociña a menos dun metro do enchufe, porque o de xogar con pilas non era moi boa idea, pasaban os minutos coa maquiniña nas mans. Tanto tempo foi abondo para memorizar as primeiras catro pantallas, mais non para facer un mapa mental do derradeiro e conseguir superalo polo menos unha vez. Supoño que o labiríntico dese nivel non se levaba especialmente ben co tempo que lle podía adicar dunha sentada, inda que lembro unha única ocasión na que cheguei ao encontro final que non din superado. Se non fora por tal fito, dubidaría que existise un final real e non unha serie infinita de niveis ao estilo do Gauntlet. Hoxe semella que iso non tería sentido, pero na miña mente infantil era un escenario totalmente plausíbel.

Vinte e cinco anos máis tarde volvín a repetir unha desas partidas. Nos dous primeiros niveis guioume perfectamente a miña memoria de neno xogón, pero tomei un refresco en forma de vídeo nos dous seguintes para confirmar onde atopar as tan precisas melloras de vida. O que si que tiña claro era esa orde lóxica para desbloquear os compañeiros ninjas, de maneira que se poidan aproveitar ben as súas habilidades nos vindeiros niveis. En realidade non ten tanto truco, porque está ben claro que ninja é correspondido con cada escenario, pero para chegar a ter ese coñecemento haberá que trabucarse necesariamente, xa que non hai un mecanismo para explorar doutro xeito.

Por pouco, pero neste novo tento superei os catro niveis iniciais sen perder ningunha vida e atopando as catro melloras de vida. Sabendo que a maior dificultade que atopei no pasado era de orientación nesta Neo-City, optei por seguir outro vídeo que me amosase as portas que habería que seguir en cada bifurcación para visitar o xefe final. Non puiden seguir exactamente o mesmo camiño porque fracasei nunha proba de habilidade consistente en balancearse co gancho azul en varios puntos concretos e consecutivos sen caer. Non parece que tivese moito impacto, xa que cedo encaixou de novo a miña ruta coa do vídeo e conseguín chegar ao xefe final e darlle morte por vez primeira na miña vida. Foi moito máis doado do que eu agardaba.

Tan doado que decidín ese mesmo día darlle outra volta tirando da miña refrescada memoria para ver se podía repetir a fazaña, pero esta vez sen perder ningunha vida. Non puido ser. Primeiro fracasei nun dobre salto co ninja verde, xa que ás veces esquezo que o segundo empurrón só funciona cando está ascendendo. E logo en tres ou catro salas diferentes, todas con algún tipo de morte instantánea. Con todo, cheguei de novo até o xefe final con cinco vidas na reserva e puiden vencelo outra vez antes de que me fixera dano abondo a min. A verdade é que deixei o meu ego mozo coma un paspán, pero de seguro que estivo moi preto de conseguilo máis dunha vez, e seguramente apagou a consola cando non debería por perder unha vida e verse baleiro de maxias para continuar.

Pero así é a vida! Algunha vantaxe tería que ter iso de ser considerado adulto. Tamén é certo que toda a investigación previa xa a tiña feita de antes e a memoria muscular axudou moitísimo, xa que até fun capaz de lembrar ben o padrón de ataque do helicóptero sen saber moi ben como. Agora terei que tentalo coa segunda parte deste Shinobi. Non sei nada dela agás que mantén a idea dos ninja-power rangers e que presuntamente é máis doado que este, mellorando en moitas facetas. Teño curiosidade por saber se tamén gustarei deste outro videoxogo, unha vez que a nostalxia xa rematou aquí.