<<

Sir Lovelot

Non lembro como me atrevín a probar un xogo cun título como Sir Lovelot, e a idea dun cabaleiro rescatando (e o que xurda) doncelas tampouco semella atraente nos tempos que corren. Pero a xogabilidade funciona tan ben que pronto esquecín esa temática amorosa propia doutro século. Trátase dun plataformas con niveis curtos que lembra ao Super Meat Boy, pero no lugar de ter unha alta dificultade, presenta varias maneiras de ser xogado sen prexuízos.

Aire

Eu, polo menos de comezo, non podía evitar tentar facer de todo e todo ben. Pretendía atopar todos os obxectos e segredos de cada nivel, non morrer nunca e conseguir todo iso nun tempo moi reducido. Non me resultou complicado acadar iso nos primeiros niveis, mais, a medida que avanzaba no xogo, conformábame con menos e menos. Chegou ata que simplemente subir ata a seguinte princesa era o único obxectivo que tiña. Ao rematar cada etapa, aparecía un resumo da pequena aventura, que rara vez pasaba dos tres minutos. Aí mostrábase a satisfacción das tarefas secundarias e unha avaliación respecto de cada unha delas. E tamén puntuación numérica que tiña en conta todos eses puntos e nos animaba a dar unha nova volta máis rápida, exhaustiva e con menos mortes. Ou esa sería a idea se tiveramos alguén con quen comparar. Mais este Lovelot non ten moita sona así que vai estar difícil.

Auga

E non é porque teña moito que criticar negativamente. As únicas cousiñas malas que lle vin foron a súa duración, xa que coas miñas presas din conta do xogo en hora e media, e a prominencia de partes acuáticas que rompían todo o ritmo de correr e chimpar. Quizais tamén podería incluír aí que o de saltar no aire non funciona se simplemente deixamos caer o protagonista no lugar de comezar cun brinco, pero pode que teña algunha explicación máis aló de ser un erro de programación que pasou desapercibido. O resto de movementos funcionan ben e, a miúdo, atopábame pasando por recunchos pequenos ou conseguindo atallos notables que non estaban no camiño oficial. Tampouco é que as mortes importen moito para os meus obxectivos persoais, xa que podemos volver á acción de contado e as transformacións que fixemos no nivel mantéñense, o cal pode incluso levar a planear algúns suicidios para gañar tempo. A marxe para maximizar unha boa puntuación parece grande abondo para deixar oco tanto á práctica coma á teoría.

Dragón

Non obstante, recoñecerei que as partes boas tampouco chegan a facer que sexa excesivamente recomendable. Non está mal para unha tarde curta, non me arrepinto de telo xogado pero non vai deixar moita marca en min. Resulta máis unha sorpresa agradable porque non promete moito e o nivel da competencia media é moi baixo, pero volvería xogar o Super Meat Boy varias veces máis antes de dedicar máis tempo a este Sir Lovelot.

Final