<<

Sonic R

Non podía sentir o sol aquela noiteboa na que a miña familia adiantoume o agasallo de Nadal para que pasase o rato antes da cea. Non sei se fora algo que pedira eu ou quen escolleu ese Sonic R, pero foi todo un acerto: velocidade, personaxes memorables, atallos por todas as partes e unha tridimensionalidade á que non estaba moi afeito na miña Sega Saturn. Lembro ter xogado abondo como para pensar que, de houber un campionato nacional do xogo, eu podería quedar nos postos altos, xa que me aprendera todos os circuítos perfectamente e tiña malladas as mellores liñas para cada un. De seguro que sería un bo baño de humildade de terme atopado nunha competición así, xa que seguramente as miñas poucas posibilidades pasaban por que non se presentase moita xente, xa que non foi ningún grande éxito.

Seica vivir na cidade é complicado. Decidín comprobar por min mesmo esa mala fama que ten o xogo, indo cunha mente aberta para non verme influído pola nostalxia. Se cadra o problema foi non ter xogado con volume, xa que a banda sonora de Richard Jacques con TJ Davis á voz estou convencido de que segue a manterse forte, pero a primeira impresión foi mala: os gráficos son malos, os controis incómodos e ríxidos e o desafío case nulo (no nivel normal, polo menos). Tardei corenta minutos en obter todas as esmeraldas e desbloquear a Super Sonic, que empreguei para desbloquear o resto de personaxes bloqueados nos seguintes vinte minutos. Con tan só cinco escenarios, o único problema que tiven foi en conseguir todas as moedas do penúltimo e chegar a meta entre os tres primeiros, pero foi máis que nada porque non atopei un gran atallo até que observei os rivais.

Tería que viaxar atrás no tempo para entender se a miña fascinación era tal ou simplemente xogaba de cando en vez e aburría pronto. Desta vez non probei nin os outros modos de xogo nin os personaxes máis alá de Sonic/Super Sonic, isto último en parte porque lembro que a dificultade increméntase se deixamos libre o ourizo-saiyan unha vez dispoñible porque será o rival máis duro da carreira. Non quere dicir que manexalo sexa doado, xa que tanta potencia ás veces é contraproducente se queremos ter precisión para pasar por algún punto estreito en particular, pero o tema é que tampouco fai moita falla, mentres empurremos cara diante da maneira que sexa.

A vida vólvese máis dura día tras día e hai problemas que temos que resolver xuntos. Este Sonic R pode ter unhas canción de moita tralla, pero a min non me saen moita máis cousas que poñer por aquí e iso de comezar cada parágrafo cunha das súas letras xa me está resultando unha idea complicada da que xa case me arrepinto, polo que poño punto final aquí.

P.D: o verdadeiro diamante no ceo e poñer o cedé do Sonic R no reprodutor de música en lugar de na Sega Saturn.