<<

Starrows

Atopo complicado non simpatizar con este Starrows que xoguei en Android. Trátase dun deses deseños que non estaría fóra de lugar nos xogos personalizados dun Warcraft 3, pero eu cheguei tarde a toda esa escena e, sen saber cales eran os decentes para xogar sen amigos, nunca profundei moito. Inda así, por mor dos derivados do DotA orixinal, acabei xogando moitas horas con iso de manexar un único heroe contra moreas de inimigos, ata o punto que fixen o meu propio videoxogo mesturando esas ideas coas do Dragon Force. Algo que teñen en común todos eses xogos mencionados é a idea dunha xerarquía feudal onde os monarcas non só están por riba dos xenerais, que están por riba das tropas rasas, senón que canto máis subas nesa xerarquía, mellores (máis fortes, intelixentes, etc.) son as unidades. En particular, neste Starrows, o rei dobra as veces de condición de vitoria e derrota, coma no modo rexicida do segundo Age of Empires ou no xadrez. Todo iso, xunto coa construción de bases, resume a xogabilidade deste xogo gratuíto.

Logo

E a xogabilidade aquí é todo. Non existe un nexo condutor entre unha partida e outra, nin metaprogresión que subir, nin cousas novas que desbloquear. A única concesión é que, nalgúns dos diferentes niveles de dificultade que probei, hai programados certos eventos que outorgan algo de variedade. Por exemplo, no undécimo e último nivel, comézase cunha axudante e, logo de facerlle moito dano ao rei rival, aparece outro ser moi perigoso cunha morea de puntos de vida. Por sorte, conseguín derrotalo a primeira vez que o vin, e xa me serviu como punto final á experiencia. Non penso repetir todo ese ritual de comezar unha partida, tentar asasinar ao heroe inimigo para obter unha mínima vantaxe inicial e logo sobrevivir as ondadas de inimigos comúns claramente máis fortes do que deberían nunha pelexa xusta. Menos mal que vin nun comentario que coa Mesmer hai más opcións, porque a Arbalest resulta moi efectiva cos seus disparos que atravesan, pero ten un comezo moi duro que case o facía imposible para esa dificultade final.

Vitoria nivel 11

Do resto de protagonistas non podo falar moito, xa que só os atopei de inimigos. O tanque semellaba forte abondo como para aguantar calquera cousa, pero quizais era porque tiña os números inflados polo escalado; cos personaxes que teñen moita vida en xogos coma o Dota 2 pásame sempre o mesmo: parecen inmortais cando van contra min e totalmente inútiles baixo o meu control. O resto só servían de alimento para a miña besteira, unha vez que esta conseguía algo de experiencia nos primeiros compases. Entraba na parte de construción de edificios de unidades máis para seguir as normas do xogo que para outra cousa, xa que non me queda moi claro que xerar fontes de ouro para o rival sexa o camiño correcto. De feito, nos niveis máis elevados, prescindín totalmente diso ata que xa tiña a partida estabilizada.

Arqueiro de lenda

Visto como un todo é un experimento que, seguramente, funciona exactamente como se imaxinaba a persoa que a desenvolveu inicialmente nun único mes. Dende entón, segue a darlle amor en forma de novo contido e arranxos. É de supor que inda cre que paga a pena. Se fora o meu caso, xa o tería abandonado dende hai tempo por non ser capaz de ver máis aló das súas limitacións. É algo inspirador, pero pon de manifesto tamén a mágoa de non ter enerxía para sequera darlle un pequeno pulo aos meus proxectos similares.