<<

Streets of Rage: non confíes no malo

A miña primeira experiencia coa saga do Streets of Rage coido que foi coa versión para a Master System deste primeiro xogo, inda que a meirande parte das miñas memorias si que son desta versión da Mega Drive. Agora teño a versión máis moderna para xogar no ordenador cun mando da Xbox, pero ven a ser o mesmo.

A historia vai dunha cidade que foi corrompéndose debido á influencia dunha megacorporación que acabou controlando todos os poderes. Tres ex-policías mozos deciden tomarse a xustiza polo seu puño, acabando con todo aquel que se opoña. O argumento recorda a outros éxitos coma Robocop ou Shadowrun, pero é un pouco o de menos cando o único que desexamos facer é dar unha volta polas rúas da ira.

Decidín escoller a Blaze, a muller, para xogar unha partida un día que quería desconectar un pouco a base de esfociñar a personaxes virtuais. A primeira impresión (ou reimpresión, mellor dito) foi un pouco regular porque os controis van coma lentos, especialmente ao moverse en diagonal; non sei definir moi ben a sensación. O resto do manexo funciona adecuadamente agás polo comando para facer un ataque cara atrás: hai que apertar B+C ao mesmo tempo e de cando en vez non o consigo é Blaze pega enfronte ou chimpa.

Os protagonistas van percorrendo toda a cidade, collen un barco, entran nunha fábrica e rematan ascendendo, nun elevador bastante pouco seguro, a un dos últimos pisos do rañaceos onde se atopa o malvado xefe da corporación; quizais deberían ter pedido unha cita. Conseguín chegar até o xefe sen continuar neste primeiro intento en moitos anos, e preguntoume se me interesaría unirme a el. Como só tiña unha vida decidín dicirlle que si, agardando un final malo. Saíume mal, xa que me devolveu ao nivel da fábrica e tería que facer boa parte do percorrido outra vez. Nesta segunda volta perdín a última vida na pantalla do elevador e decidín non empregar os “continues” para seguir xogando logo dunha hora longa de pelexas.

Ao día seguinte faría outro tento con Adam, máis forte, negro e lento que Blaze, pero perdín a última vida xusto diante da porta do xefe final, contra dúas xemelgas moi atléticas. Decidín pechar a triloxía escollendo a Axel, o meu favorito de cativo, para unha nova partida, pero desta vez xa tiña perdidas dúas vidas no terceiro nivel e decidín apagar a consola virtual porque non tiña boa pinta. Co maratón destes dous días consecutivos chegoume, quizais para a próxima estude un pouco os padróns dos xefes intermedios para ver se son quen de superar o xogo sen continuar.