<<

Strider: saltando montañas, atravesando vales

Strider pasou do manga aos videoxogos en 1989, pero a miña primeira experiencia con el foi unha década máis tarde manexando a Hiryu no Marvel vs. Capcom das recreativas. Alí destacaba polo seu especial (qcf+mp+hp, se recordo ben) que lle permitía facer combos moi longos con pouco esforzo. Pero neste Strider de PC que nos ocupa controla o seu sabre “cypher” a toda velocidade e non bloquea aos seus inimigos, mais na súa esencia nótase que é o mesmo personaxe.

Eu xoguei a toda velocidade a miña primeira partida, até o punto de obtiven o logro máis esquivo en Steam: pasar o xogo en menos de catro horas. Sobroume máis de media hora, en boa parte porque non descubrín o botón de ver o mapa até case a metade desta aventura ao estilo “metroidvania”. Hai moitas melloras opcionais espalladas polo mundo, pero o mapa dá moi boas pistas sobre os lugares onde se agochan, inda que moitas non son accesíbeis inicialmente por atoparse tras portas que só se poden abrir após obter a habilidade necesaria. Tendo a empregar o termo “porta” no sentido xeral, entendendo como tal calquera freo lúdico, pero neste caso é habitual que as entradas estean fechadas literalmente por unha tecnoloxía que precisa unha chave concreta… inda que rematemos con ela dun golpe.

Claramente se un pingüín (perdón polo especismo!) coma min conseguiu orientarse o suficiente para conseguir o logro de velocidade é porque hai algún truco. A maxia está no minimapa do recuncho da pantalla que tamén apunta no sentido que temos que tomar para proseguir na nosa misión. Eu simplemente ía de aquí para acolá esnaquizando todo no meu camiño até encontrar algún dos variados xefes, cada un coa cadansúa introdución molona.

Algúns deles déronme máis traballo, pero a meirande parte, incluíndo o derradeiro, paseinos á primeira. Salientarei o primeiriño xa que perdín varias veces contra el até que cacei o padrón dos seus movementos e ataques. Ao destruílo gañei un novo ataque que xa empreguei na seguinte sala para loitar e gañar máis facilmente contra unha copia deste mesmo xefe. De súpeto, apareceron dúas novas copias que tería que vencer pelexando con ambas á vez! Non é que fora unha gran novidade no mundo dos videoxogos de acción, pero simpaticei moito con esta decisión de deseño que se repetiría outras veces ao longo da historia.

Da ambientación futurista e da narrativa non saquei moito en claro, pero tampouco lle prestei moita atención porque estaba ocupado en facer saltos precisos, movementos con estilo e cortes co gume de “cypher” por todos os lados. Entendo que hai moitas alusións que non pillei ás historias orixinais, xa que deixa entrever que todo ven dalgún sitio. Eu limiteime a seguir as indicacións e rematar co réxime totalitario dirixido por un psicópata que quería crear unha nova raza. E con iso, para min, é máis que suficiente.

  • Tempo de xogo: 3:26:36.
  • Tempo segundo Steam: 5 horas e media.
  • Completo: 41.8%.