Super Street Fighter II: The New Challengers

O Super Street Fighter II: The New Challengers trouxo á miña Mega Drive un dos meus xogos preferidos das recreativas. Sen necesidade de meter moedas, e con catro personaxes novos, converteuse nun dos grandes éxitos para xogar na pequena pantalla. Por aquel entón eu era o rei do sofá e non había ningún outro xogón que me puidese quitar a coroa, e moito menos cando o emérito fuxiu para o piso de abaixo. Nin sequera a intelixencia artificial podíame facer mal, e lembro ter rematado o xogo sen continuar con todos os personaxes, algúns incluso no nivel de dificultade máis elevado. Pero diso xa fai moito tempo e os xogos de loita un contra un xa non son dos meus predilectos. E, efectivamente, esas son as clásicas excusationes non petitae que poño antes de contar o meu primeiro reencontro co clásico en moito tempo.

Decidín estruturalo coma un pequeno desafío no que tentaría unha partida con cada personaxe na dificultade más elevada, co obxectivo de chegar o máis lonxe posible. Pouco antes aprendera as trampas da “máquina” e algúns detalles interesantes da súa implementación. Mais ningún texto podería prepararme para as malleiras que me ían caer. Troquei cedo o plan para experimentalo na dificultade por defecto e así ter algunha oportunidade. Comecei esta nova rolda con Ryu, conseguindo unha vitoria sobre M. Bison e dándome boas esperanzas para poder repetir a fazaña con moitos outros loitadores mundiais. Por un intre até pensei en subir nun par de estrelas o nivel de dificultade, pero menos mal que o mantiven!

Os seguintes personaxes foron E. Honda, Blanka, Guile e Balrog, todos con habilidades “de carga”, por moito que a intelixencia artificial non teña esa limitación cando os manexa. Cos tres primeiros non tiven moita habilidade e non pasei da sétima loita. Foi o boxeador Balrog, un dos menos favoritos cando era cativo, o que me levou a cantar vitoria outra vez. A estratexia seguida consistiu en abusar do puño forte, que ten bo alcance, dano, recollida e ademais tamén serve para castigar os saltos do oponente. Coido que foi aquí cando o meu estilo de loita cambiou: se antes tentaba castigar con movementos especiais e estaba namorado das patadas, agora descubrín a efectividade dos golpes das extremidades do tronco superior.

Pero iso non quere dicir que xa dominase o xogo. Con Ken, o meu vello preferido, caín na cuarta loita, ao igual que con Dhalsim, co que me atopaba cómodo pero non resultou. De Zangief mellor nin falamos porque non conseguín nin pasar da segunda batalla contra Cammy, sen conseguir facer nin unha técnica especial nin frear un só salto da británica (sempre pensei que tiña que ser romanesa, seguramente polos castelos e o val do seu escenario). Con Chun-Li si que acadei un encontro co xefe final, mais non logrei a vitoria. Saga convertérase no meu principal nas poucas horas que lle consagrei á cuarta entrega da saga, polo que tiña boas esperanzas; non obstante caín contra o sádico, psicópata, asasino, franquista e toureiro (valga a redundancia) representante de España: Vega.

Precisamente foi con Vega con quen conseguín ver os créditos por terceira e última vez neste desafío. Ao igual que con Balrog, aproveitei ben o puño forte en pose erguida co seu grande poder e alcance. A partir de aí todo foi mal. Non sei se porque xa desexaba rematar, porque os inimigos sacaron todos os seus golpes críticos ou porque realmente o xogo non se me da tan ben coma podería pensar nun principio: tanto T. Hawk coma Fei Long non pasaron do primeiro combate… Un pouco mellor foi con Dee Jay, Cammy e M. Bison, pero ningún chegou á segunda fase de bonificación. A experiencia en xeral foi interesante pero non quedei con ganas de máis. Coido que para gañar consistentemente habería que procurar os buratos ás intelixencias artificiais e cruzar os dedos para que non empreguen os seus superpoderes para ser temporalmente invencibles e sacar tres cuartos da barra de vida cunha combinación sinxela.

  • Partidas: 16.
  • Vitorias: 3.
  • Combates totais: 109.
  • Combates gañados: 93.
  • Némeses: Ryu e Ken (3 derrotas contra cada un).
  • Mellor puntuación: 838700 (Balrog).
  • Peor puntuación: 25400 (Fei Long).