The Legend of Zelda

E aquí estou eu, comezando outra vez pola primeira entrega dunha saga de éxito comezado no século pasado. Xa probara este The Legend of Zelda orixinal un par de veces, pero non teño lembranzas de ter avanzado moito. Un posíbel motivo pode ser o nada aparente labiríntico mundo aberto, porque por moito que se atope dividido en pantallas rectangulares, non conseguín en ningún momento facerme un bo mapa mental. Nos minutos iniciais deambulei por Hyrule sen dar co primeiro alxube, e rematei botándolle un ollo ao manual oficial. Alí aparecían moitos detalles e consellos para a aventura, incluíndo mapas e unha pequena guía para os primeiros pasos. Con esas axudas, que poderían ser consideradas coma destripes, non tardei en entrar e saír do alxube co búmerang de madeira e un anaco do Triforce.

Os seguintes alxubes tamén resultaron doados de atopar, percorrer e superar. Pouco a pouco fun incrementando o meu alixo de obxectos importantes e corazóns adicionais, facendo máis forte e resistente ao meu Link particular. Non foi até que cheguei ao sexto alxube cando esa fantasía de poder freou de súpeto, xa que a dificultade dos inimigos ascendeu notabelmente e cada sala deixou de ser un paseo para ser un verdadeiro desafío. Aqueles encontros contra unha morea de Darknuts azuis cos seus escudos, ou contra os Wizzrobes da mesma cor coa súa gran mobilidade e gran forza de ataque, causáronme moitos problemas. Sufrín moito contra eles e morrín un bo feixe de veces, o cal é especialmente penoso porque o protagonista renace con tan só tres corazóns e non sempre é doado recuperar o resto de puntos de vida nun tempo curto.

Entre morte e morte conseguín avanzar aos poucos, xa que, por sorte, hai moitos estados que se gardan dunha vida para outra: a porción do mapa explorado, os obxectos atopados, os buratos abertos con bombas e até a desaparición de certos inimigos logo de derrotalos. Con suor e sangue conseguín, desta maneira, atopar os oito anacos do Triforce e gañar acceso ao alxube final. Non atopara os obxectos agochados nos dous anteriores e non tiña moita gana de volver atrás a por eles. Grazas ao manual sabía que eran unha vara máxica e un libro potenciador, polo que fixen unha procura rápida no internet, abondo para atopar que son opcionais para completar a aventura e que non tiña que volver por eles.

A continuación comecei un lento avance polo lar de Ganon, que se atopa ben lonxe das fadas que recuperan vida, inda que preto dunha muller que vende pocións curativas con usos limitados por non poucos rubís (o das rupias viría nos xogos vindeiros). Por tanto, os cartos nunca son abondo nesta aventura, e atopar as 250 pezas para o anel/traxe que reduce á metade do dano recibido é un longo camiño. Mais esa notábel mellora non é suficiente para loitar contra a alta dificultade do noveno alxube. Abofé que estaba a facer pequenos progresos con cada incursión no xigante labirinto, pero non tiña ánimos para facer un mapa coma recomendaba o manual, polo que optei por volver a internet e seguir unha guía máis completa do que podería facer pola miña conta.

Pero o primeiro paso afastoume desa zona final e cara o cemiterio, unha área que non tiña máis obxectivo dentro da ruta ideal ca agochar a espada definitiva debaixo dunha lápida, inda que eu non conseguira resolver ese enigma por min mesmo. Mellor armado o desafío tornouse máis doado, e inda un pouco máis cando a guía amosoume a ruta cara o outro anel/traxe que reduce a un cuarto o dano recibido. Logo foi cousa de continuar co mapa, tomar uns groliños da poción curativa, derrotar a Ganon nunha loita moi rara contra un inimigo invisíbel e salvar a Zelda! Pode que fora cun pouco de trampa, pero o importante é que Hyrule a princesa xa están a salvo… ou quizais non, porque o seguinte que acontece é que Link volve ao comezo da aventura, onde emprázase a reintentalo de novo nun modo máis complicado chamado “a segunda busca”. Xa postes, case que prefiro que a seguinte aventura de Link sexa en modo Castlevania co segundo Zelda da saga.