<<

The Queen's Gambit Chess

Moito xadrez xoguei na miña adolescencia. Apunteime a clases con 12 anos e estiven máis ou menos activo ata os 18. Polo camiño ata fixen de mestre para cativos un par de cursos, inda que Facenda non teña constancia deses primeiros soldos. Como moitos non tiñan nin idea do xogo, comezabamos explicando os movementos das pezas pouco a pouco e introducindo algúns minixogos coma a carreira de peóns para poñer os novos conceptos en práctica. Supoño que o camiño de iniciación permite máis posibilidades ca un de perfeccionamento, xa que intúo que este último esixe achegarse ao máximo ás situacións e tipo de pensamento das partidas normais. Pero como vin que este Queen’s Gambit tiña un modo para xogadores avanzados, decidín darlle un tento para ver se aprendía algo.

Avanzado

E pode que aprendera máis da serie de televisión na que está baseada que do xadrez. Seica a protagonista vivía nun orfanato onde un home (obviamente) amosoulle este xogo ancestral. Moito talento tiña que ter a cativa porque, polo menos no nivel máis avanzado do xogo, o profesor ten un ELO de 900 e deixa pezas colgadas a cotío. Logo diso, pensaba en, quizais, non continuar moito máis polo camiño de Beth porque os minixogos non eran nada desafiantes, pero esa decisión precipitouse cando o taboleiro e as pezas do segundo escenario eran moi complicadas de ler. Non sei se todas esas moedas que acumulei servirían para mercar unhas pezas normais, xa que deixei de lado a tenda ben cedo ao atopar que eran todas melloras estéticas (como ten que ser nun xogo de xadrez).

Confuso

A primeira serie de desafíos estaba enfocada na apertura que lle dá nome á serie, pero o único que había que facer era memorizar, a curtísimo prazo, algunhas poucas variantes da apertura e das defensas. Algunhas pequenas explicacións si que había, pero non me resultou nada didáctico. Lembro que eu forzaba ao Chessmaster 2000/3000 a seguir certas líneas iniciais para continuar dende aí a partida e ver como evolucionaba. Pero aquí non hai nada diso, xa que as partidas completas semellan opcionais e os outros crebacabezas están máis enfocados á iniciación con regras particulares como comerse todas as pezas coa torre no menor número de movementos, sen que o rival faga nada.

Mate en 3

Parte de problema, quero crer, é que abandonei relativamente cedo. No segundo capítulo comezaban posicións complicadas nas que había que gañar coroando pero, como xa dixen, o cansazo visual de ter que descifrar o tan confuso taboleiro non me prestaba. Diría que non existe un pecado máis grande ca este nunha adaptación dixital do xadrez. Dádeme un taboleiro grande, con contraste e as pezas clásicas. O resto pode vir por riba con opcións.

A xogar

P.D: Vin o primeiro capítulo da serie! Fíxome graza porque, evidentemente, trataba dun xogo que coñezo. Pero xa. Como a historia de Beth Harmon é totalmente incrible (no mal sentido), non apreciei moi ben toda esa historia de orixe no hospicio. Quizais contaba con ver máis escenas con ela de adulta, porque semella ter máis carisma, pero este comezo xa me quitou as ganas de continuar.